PORTAL DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • Home
  • /
  • DECEMBRO 2022 – CONVOCATORIA E BASES XERAIS E ESPECÍFICAS REGULADORAS DOS PROCESOS EXTRAORDINARIOS DE ESTABILIZACIÓN DE EMPREGO TEMPORAL

DECEMBRO 2022 – CONVOCATORIA E BASES XERAIS E ESPECÍFICAS REGULADORAS DOS PROCESOS EXTRAORDINARIOS DE ESTABILIZACIÓN DE EMPREGO TEMPORAL

CONVOCATORIA E BASES XERAIS E ESPECÍFICAS REGULADORAS DA CONVOCATORIA E DESENVOLVEMENTO DOS PROCESOS EXTRAORDINARIOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO TEMPORAL

A Xunta de Goberno Local, en sesión do 21.12.2022 prestou aprobación ás Bases reguladoras da convocatoria e desenvolvemento dos procesos extraordinarios de estabilización do emprego temporal.

Mediante Resolución da Alcaldía do 21.12.2022 convocáronse procesos selectivos para a cobertura das prazas que a continuación se sinalan:

2396.png

2410.png

Os procesos selectivos réxense polas bases xerais e específicas reguladoras aprobadas pola Xunta de Goberno Local con data 21.12.2022, cuxo teor literal se transcribe a continuación:

“BASES XERAIS E ESPECÍFICAS QUE REXERÁN E REGULARÁN A CONVOCATORIA E DESENVOLVEMENTO DOS PROCESOS EXTRAORDINARIOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO TEMPORAL DO CONCELLO DE CAMBADOS

PRIMEIRA.- Obxecto e ámbito de aplicación

1.1. Obxecto

As presentes Bases teñen por obxecto a fixación das normas, criterios e aspectos xerais e específicos que regularán os diferentes procesos selectivos extraordinarios de estabilización do emprego temporal a convocar e desenvolver no Concello de Cambados ao abeiro do disposto, ao efecto, na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade no emprego público, así como nas restantes previsións normativas concordantes e/ou aplicables, e referidos ás prazas que se indican na base 1.2 seguinte e no ANEXO I.

1.2. Ámbito de aplicación

As presentes Bases resultarán aplicables ao conxunto das convocatorias dos procesos selectivos extraordinarios a realizar para a cobertura das prazas incluídas na Oferta de Emprego Público de Estabilización aprobada, por esta entidade local, mediante acordo da Xunta de Goberno Local de 12 de maio de 2022 (publicada no BOP núm. 95 de 19 de maio do mesmo ano, e con posterior rectificación de erros publicada no BOP núm. 113 de 14 de xuño de 2022); pazas que se relacionan no ANEXO I, con indicación das súas características, o sistemas selectivo aplicable, os requisitos de titulación e aqueloutros requisitos/condicións concretos no seu caso esixidos para a participación e/ou nomeamento final.

SEGUNDA.- Principios e normas xerais aplicables aos procesos
extraordinarios de estabilización

2.1. Da convocatorias, desenvolvemento e resolución dos procesos extraordinarios de estabilización non poderá derivarse, en ningún caso, un incremento do gasto nin dos efectivos de persoal.

2.2. Os procesos selectivos para a cobertura das prazas afectadas polos ditos procesos extraordinarios de estabilización, que se articularán e desenvolverán a través da súas respectivas convocatorias e consonte ao disposto nas presentes bases, adecuaranse, en todo caso, cos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade, xunto coas restantes previsións normativas aplicables en materia de selección/acceso no emprego público.

As convocatorias serán obxecto de aprobación e remisión a publicación oficial, xunto coas presentes bases reguladoras, antes do 31 de decembro do ano 2022; e a súa resolución/finalización deberase producir antes do 31 de decembro do ano 2024.

Entenderase por convocatoria realizada, aos efectos do previsto nas presentes Bases, e restantes efectos legais e prácticos pertinentes, a formalmente aprobada e publicada no diario oficial correspondente.

2.3. As prazas idénticas afectadas polos procesos extraordinarios de estabilización serán obxecto dunha mesma e única convocatoria, así como dun mesmo proceso e sistema selectivo

2.4. No caso de prazas que se correspondan con servizos/actividades nos que existan períodos anuais de cerre ou inactividade/menor actividade prestacional, tentarase facer coincidir, na medida do posible, o desenvolvemento efectivo das convocatorias e respectivos procesos selectivos cos ditos períodos.

2.5. Os procesos selectivos de estabilización terán carácter aberto e deberán garantir a libre concorrencia, polo que non poderán restrinxir a participación a persoal temporal que ocupe ou teña ocupado as prazas obxecto de convocatoria, ou a persoal que preste ou teña prestado servizos en calquera Administración ou entidade integrante do Sector Público; nin poderán incluír, tampouco, ningún outro requisito/aspecto do que se derive unha convocatoria restrinxida e/ou contraria ao acceso libre e en igualdade de condicións ao emprego público, así como aos restantes principios constitucionais e legais aplicables ao efecto.

TERCEIRA.- Identificación e comunicación das prazas
obxecto dos procesos de estabilización

3.1. No anuncio e publicación das diferentes convocatorias dos procesos extraordinarios de estabilización farase constar esta circunstancia, a Oferta de Emprego Público da que derivan, e que a convocatoria e cobertura das prazas correspondentes se realiza ao abeiro do sistema excepcional de concurso previsto para os supostos contemplados na DA 6ª e 8ª da Lei 20/2021

3.2. Coa finalidade de identificar os supostos persoais directamente afectados polos procesos extraordinarios de estabilización regulados nas presentes bases e garantir, así, o seu efectivo coñecemento aos efectos de participación, cobertura e no seu caso cese e indemnización, así como daqueloutros efectos oportunos e derivados da Lei 20/2021 e restante normativa aplicable, deberase cursar comunicación/aviso ao persoal ocupante das prazas convocadas ao abeiro destes procesos de estabilización e/ou cuxa relación de servizo/laboral poida finalizar/extinguirse como consecuencia da dita convocatoria e a cobertura por outra persoa.

Dita comunicación realizarase de forma individual, mediante medios que garantan a acreditación/constancia formal e fidedigna da súa efectiva realización, e trala aprobación polo órgano municipal competente da correspondente convocatoria, e ilo sen prexuízo da súa posterior e pertinente publicación oficial.

CUARTA.- Publicidade

A convocatoria de cada un dos diferentes procesos selectivos, xunto co texto íntegro das súas bases reguladoras, serán obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello. E, posteriormente, procederase a realizar un anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, por último, no Boletín Oficial do Estado (BOE), con referencia á previa publicación no BOP; sendo o anuncio do BOE o que determinará o inicio do prazo de presentación das solicitudes de participación.

Os restantes e sucesivos anuncios inseriranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello (agás as resolucións de aprobación de listaxe provisional e definitiva de aspirantes admitidos, que se publicarán tamén no BOP, así como as resolucións de nomeamento dos/as aspirantes finalmente seleccionados, que se publicarán tamén no BOP e no DOG).

QUINTA.- Requisitos de participación das persoas aspirantes

5.1. Para seren admitidas e participar nas convocatorias dos procesos selectivos de estabilización aquí regulados, as persoas aspirantes deberán reunir os requisitos básicos e xerais sinalados a continuación; requisitos que, en todo caso, deberán acreditar á data de remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e manter, asemade, no momento do nomeamento e toma de posesión como persoal funcionario de carreira;

a) Ter a nacionalidade española ou algunha outra que, con arranxo ao disposto no artigo 57 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, e artigo 52 da Lei 2/2015, de 29 de abril, de Emprego Público de Galicia, e restante normativa concordante, permita o acceso á praza convocada

b) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

As persoas con DISCAPACIDADE que opten a unha das prazas convocadas ao abeiro dos procesos de estabilización poderán concorrer ás mesmas en igualdade de condicións que o resto das/os aspirantes. E terán que acreditar, en todo caso, a condición legal de discapacidade (nos termos do disposto e definido ao efecto no RD Lexislativo 1/2013 do 29 de novembro, ou aqueloutra normativa concordante), e a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes á praza á que se opte, para o que terán que presentar, xunto coa solicitude de participación, certificacións/documentos acreditativos/xustificativos de tales circunstancias emitidos polos órganos/autoridades competentes ao efecto.

c) Ter cumpridos dezaseis anos de idade e non exceder, se é o caso, da idade máxima e xeral de xubilación forzosa, sen prexuízo daqueloutras concretas previsións e idades aplicables, no seu caso e segundo a praza convocada, consonte a normativa específica/sectorial de referencia

d) Posuír, ou estar en condición de obtelos antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, os títulos requiridos para as diferentes prazas convocadas, consonte ao indicado no ANEXO I.

No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberase ter concedido a correspondente credencial de homologación, segundo o Real Decreto 967/2014, do 21 de novembro (BOE do 22 de novembro), o Real Decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, así como a determinados aspectos da profesión de avogado (BOE do 20 de novembro), ou aqueloutra normativa concordante vixente ao respecto.

e) Non estar separada ou separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública, nin atoparse en situación de inhabilitación para emprego ou cargo público de carácter absoluto ou especial que imposibilite a ocupación e desempeño da praza.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, nese Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

f) Aqueloutros requisitos/condicións concretos de participación que, de ser ocaso, e por razón das características/natureza das prazas e/ou da normativa específica/sectorial aplicable, se indican no ANEXO I

5.2. Ningún dos requisitos fixados para a participación nas convocatorias dos diferentes procesos selectivos de estabilización aquí regulados poderán ser considerados e valorados, tamén, como mérito da fase do concurso.

5.3. Se durante o desenvolvemento dos procesos selectivos chegase a coñecemento dos Tribunais que algún dos aspirantes carecera de calquera dos requisitos esixidos na convocatoria, estes estarán facultados para propoñer ao órgano convocante que resolva a súa exclusión, previa comunicación e audiencia aos interesados (e isto sen prexuízo da responsabilidade por falsidade na que, no seu caso, puidesen incorrer)

SEXTA.- Solicitudes de participación

6.1. As persoas interesadas en seren admitidas e participar nas convocatorias dos procesos selectivos deberano facer constar mediante instancia/solicitude realizada segundo modelo/formulario que figura ANEXO II, e que se deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello, xa sexa presencialmente ou a través da Sede e Rexistro Electrónicos, ou mediante calquera das restantes formas establecidas no artigo 16.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (coa excepción establecida na súa disposición final sétima).

En todo caso, cando as persoas aspirantes presenten as solicitudes a través da Oficina de Correos ou a través do Rexistro de Calquera outra Administración Pública, isto deberase comunicar ao email indicado ao efecto nas respectivas convocatorias, e dentro do prazo de presentación de solicitudes, e de non realizarse así, resultarán excluídas do proceso selectivo.

6.2. O prazo para a presentación das instancias/solicitudes de participación será de vinte (20) días naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da respectiva convocatoria no Boletín Oficial do Estado. A non presentación en tempo e forma suporá a inadmisión da persoa aspirante no proceso selectivo.

6.3. As persoas que queiran facer constar a condición de DISCAPACIDADE deberano facer constar na propia solicitude de participación, no apartado habilitado a efecto. E terán que acreditar, en todo caso, a dita condición legal de discapacidade (nos termos do disposto e definido ao efecto no RD Lexislativo 1/2013 do 29 de novembro, ou aqueloutra normativa concordante), e a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes á praza á que se opte; para o que terán que presentar, xunto coa solicitude de participación, certificacións/documentos acreditativos/xustificativos de tales circunstancias emitidos polos órganos/autoridades competentes ao efecto.

6.4. Os erros de feito, materiais ou aritméticos o aqueloutros que non afecten ao cumprimento dos requisitos de participación no proceso selectivo ou ao resultado do mesmo e que, de ser o caso, se puidesen advertir na solicitude poderanse, poderanse emendar de oficio, ou a petición da persoa interesada, en calquera momento durante o desenvolvemento do propio procesos selectivo.

6.5. Xunto coas solicitudes de participación deberase achegar a documentación sinalada a continuación:

a. Copia do DNI, pasaporte ou documento identificativo equivalente e acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa aspirante.

b. Copia de documento acreditativo/xustificativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias, do título requirido para participar nas respectivas convocatorias e procesos selectivos, segundo o sinalado ao respecto no ANEXO I

c. Relación dos méritos alegados polas persoas aspirantes para a súa valoración na no concurso, xunto con copia da documentación acreditativa/xustificativas destes, segundo o previsto ao efecto nas presentes bases reguladoras.

A dita relación de méritos presentarase seguindo a orde fixada nas presentes bases reguladoras, consonte ao formulario/modelo contido no ANEXO IV; xunto cos documentos xustificativos/acreditativos dos mesmos (agás no referido aos servizos prestados na Administración convocante e que se aleguen en relación co mérito “experiencia profesional”, que serán comprobados de oficio por esta, segundo os datos que figuren nos respectivos expedientes persoais, sen que resulte necesario a achega de documentación acreditativa dos mesmos, excepto supostos excepcionais en que así se requira e comunique formalmente, previo acordo do Tribunal do proceso selectivo correspondente)

Debendo advertirse, a este respecto, que non se terán en conta, nin serán obxecto de valoración, aqueles méritos que non teñan sido achegados, nin debidamente acreditados, na forma, prazo e con arranxo ao sinalado nas presentes bases

Os méritos que se acheguen ou acrediten fóra dos prazos concretos sinalados ao efecto serán considerados como achega de documentación fóra de prazo e, polo tanto, non susceptibles de valoración; sen prexuízo dos supostos excepcionais nos que, previo acordo expreso do Tribunal, se poida requirir aclaración, documentación/información aclaratoria e/ou adicional sobre outra previamente achegada en forma e prazo

d. Restante xustificación/acreditación documental do cumprimento daqueloutros requisitos/condicións de participación que, de ser o caso e respecto das prazas convocadas, se indiquen no ANEXO I

SÉTIMA. Admisión de aspirantes. Nomeamento dos Tribunais
e inicio dos procesos selectivos

7.1. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía ditará resolución pola que se declarará aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas da exclusión, e sinalarase un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, de acordo co artigo 68 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, no seu caso, advertir para posibles omisións sen causa indicada. Quen, dentro do dito prazo, non emende as causas de exclusión indicadas, será definitivamente excluído do proceso

Finalizado do prazo de emenda, a Alcaldía ditará resolución aprobando a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, con indicación do nome, apelidos e catro cifras aleatorias do DNI dos/as admitidos/as e das causas da exclusión.

No caso de omisións sen causa indicada e que respondan a erros de feito, materiais ou aritméticos o aqueloutros que non afecten ao cumprimento dos requisitos de participación no proceso selectivo poderanse emendar de oficio, ou a petición da persoa interesada, con posterioridade a aprobación da listade definitiva de persoas admitidas

As anteditas resolucións sobre listaxes provisionais e definitivas de aspirantes admitidos e excluídos serán obxecto de publicación no BOP e taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello.

7.2. Os nomeamentos dos Tribunais cualificadores dos diferentes procesos selectivos, así como o lugar, data e hora na que se citará ao mesmo para a súa primeira sesión (constitutiva), así como para o inicio do proceso selectivo, poderase resolver e publicar conxuntamente coa antedita listaxe definitiva ou, no seu caso, de forma separada e posterior; neste último caso procederase á súa publicación no BOP, así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello,

OITAVA.- Composición e funcionamento dos Tribunais

8.1. Os Tribunais dos diferentes procesos selectivos convocados ao abeiro das presentes bases xerais, cuxa composición se adecuará aos criterios de imparcialidade, paridade e profesionalidade, así como aos restantes requisitos previstos ao efecto pola normativa de aplicación (artigos 60 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público e 59 da Lei de Emprego Público de Galicia, ou aqueloutras previsión normativas concordantes), serán nomeados mediante resolución ditada pola Alcaldía (ou aqueloutro órgano municipal competente ao efecto, no seu caso) consonte ao indicado no apartado 2 da base anterior, e obxecto de publicación tamén segundo o disposto neste apartado; e estarán conformados polos seguintes integrantes, dos que se deberá nomear, en todo caso, titulares e suplentes:

— Presidenta/e (titular e suplente): Unha/un funcionario de carreira pertencente a un corpo/subescala e grupo para cuxo ingreso se requira titulación igual ou superior á esixida para a praza convocada

— Vogais (titulares e suplentes): Tres funcionarias/os de carreira pertencentes a un corpo/subescala e grupo para cuxo ingreso se requira titulación igual ou superior á esixida para a praza convocada

— Secretaria/o (titular e suplente): Unha/un funcionario de carreira pertencente a un corpo/subescala e grupo para cuxo ingreso se requira titulación igual ou superior á esixida para a praza convocada

Por cada un/unha dos/das membros/as titulares nomearase un/unha suplente, que actuará nos supostos de que a persoa titular non poida asistir á correspondente sesións dos Tribunais. En todo caso, na súa primeira sesión (sesión constitutiva) os Tribunais poderán acordar que os membros titulares e suplentes actúen de forma indistinta

Os Tribunais non poderá constituírse, nin actuar, sen a presenza, cando menos, de tres de seus membros, titulares ou suplentes, debendo estar presentes en todo caso o/a presidente/a e o/a secretario/a. De todas as reunións que celebre o tribunal o/a secretario/a redactará a correspondente acta.

8.2. Non poderán formar parte dos Tribunais o persoal de selección ou designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual. Tampouco poderá formar parte dos órganos de selección aqueles funcionarios que realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da correspondente convocatoria. A pertenza aos Tribunais será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación ou por conta de ninguén.

O Tribunais poderán dispoñer a incorporación de asesores/as ou colaboradores/as, nos supostos en que así o estime oportuno (previo acordo formal adoptado ao respecto), e aos efectos da asistencia/colaboración na súa actuación e traballos; que actuarán con voz pero sen voto, limitándose ao exercicio das especialidades técnicas/profesionais en base ás cales foran requiridos para o dito asesoramento.

Os membros e asesores/colaboradores concorrentes ás sesións dos Tribunais, ao efectos das percepcións de asistencias no seu caso correspondentes así como aqueloutros efectos inherentes, clasificaranse consonte o disposto ao efecto no Real Decreto 462/2002 sobre indemnizacións por razóns de servizo (ou aqueloutra normativa concordante).

8.3. As persoas aspirantes poderán recusar aos membros dos Tribunais, ou aos seus asesores e/ou restantes colaboradores, alegando a concorrencia neles algunha ou varias circunstancias, sinaladas no artigo 23 da lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, seguíndose para iso o procedemento establecido no artigo 24 da lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

8.4. Os Tribunais adoptarán as resolucións/acordos/decisións no seu caso necesarios para o adecuado desenvolvemento dos procesos selectivos, e propios das súas atribucións, por maioría simple dos seus membros.

8.5. Os Tribunais velarán con polo adecuado cumprimento e respecto do principio xeral e constitucional de igualdade e, de modo particular, no referido á igualdade entre homes e mulleres.

8.6. Os Tribunais actuarán con plena autonomía no exercicio das atribucións e da discrecionalidade técnica conferidas para o desenvolvemento dos diferentes procesos selectivos, velando pola transparencia, obxectividade e no seu caso confidencialidade requiridas, con sometemento e adecuación, en todo caso, ao previsto por estas bases (e o sentido/obxectivo das mesmas), así como pola normativa de aplicación; estando facultados para resolver/interpretar cantas dúbidas/cuestións puideran existir e adoptar as resolucións/acordos no seu caso necesarios/requiridos para a boa orde e adecuado desenvolvemento dos procesos selectivos.

8.7. En todo o non previsto nas presentes bases, no referido ao réxime xurídico e de actuación dos Tribunais estarase ao disposto ao efecto, e con carácter xeral e supletorio, pola Lei 40/2015 e/ou restante normativa aplicable aos órganos colexiados do Sector Público.

NOVENA. Sistema selectivo

9.1. Nos procesos de estabilización do emprego temporal a desenvolver no Concello de Cambados empregarse, como sistema selectivo, o concurso excepcional previsto pola Lei 20/2021 para os supostos e prazas obxecto de oferta e convocatoria ao abeiro do disposto nas súas DA 6ª e DA 8ª.

Este concurso desenvolverase consonte aos criterios fixados a continuación e que se adaptarán, en todo caso, ao disposto ao efecto, e con carácter básico, na antedita dita Lei 20/2021; e no mesmo as persoas aspirantes poderán alcanzar unha puntuación máxima de 100 puntos.

9.2. O concurso consistirá na valoración dos méritos que se indican deseguido, xunto cos baremos e sistema de puntuación aplicables a tal afecto, e que teñan sido adecuadamente presentados e acreditados polas persoas aspirantes segundo o especificado a continuación; e polos que as persoas aspirantes poderán acadar como máximo, e por todos eles, a antedita puntuación máxima (100 puntos)

9.3. Non se terán en conta, nin serán obxecto de valoración, aqueles méritos que non teñan sido debidamente alegados, presentados e acreditados na forma e con arranxo aos criterios e prazos sinalados a continuación; así, aqueles que se acheguen ou acrediten fóra de prazo sinalado, serán considerados como méritos e documentación achegada fóra de prazo e, polo tanto, non susceptibles de valoración. E isto sen prexuízo dos supostos excepcionais nos que, previo acordo expreso e motivado dos Tribunais, se poida requirir aclaración, documentación/información aclaratoria e/ou adicional sobre outra anterior achegada en prazo e adecuadamente presentada.

9.4. Ningún dos requisitos fixados para a participación nas convocatorias dos diferentes procesos selectivos de estabilización poderán ser considerados, tamén, como mérito a valorar no concurso.

9.5. Os méritos valoraranse con referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación nos respectivos procesos.

9.6. Méritos a valorar. Descrición, baremos e sistema de puntuación aplicables

Mérito 1. Experiencia profesional. Ata un máximo de 70 puntos

Mérito polo que as persoas aspirantes poderán obter, como máximo, o setenta por cento (70%) da puntuación total máxima alcanzable no concurso e, polo tanto, unha puntuación máxima de 70 puntos; e que se valorará consonte aos criterios e baremo sinalados a continuación:

a) Por servizos prestados como persoal temporal do Concello de Cambados en praza, posto e categoría idénticas ou equivalentes á vacante convocada e á que se pretende acceder: a razón de 0,90 puntos por cada mes de servizos prestados

b) Por servizos prestados como persoal temporal doutra Administración Pública Local (distinta do Concello de Cambados) en praza, posto e categoría idénticas ou equivalentes á vacante convocada e á que se pretende acceder: a razón de 0,60 puntos por cada mes de servizos prestados

c) Por servizos prestados como persoal temporal de calquera outra Administración Pública (disinta do Concello de Cambados e non pertencente á Administración Pública Local) en praza, posto e categoría idénticas ou equivalentes á vacante convocada e á que se pretende acceder: a razón de 0,30 puntos por cada mes de servizos prestados

d) Por servizos prestados como persoal temporal do Concello de Cambados en praza, posto e categoría diferentes á vacante convocada e á que se pretende acceder: a razón de 0,15 puntos por cada mes de servizos prestados

Aos efectos da acreditación e valoración deste mérito, segundo os baremos anteditos, aplicaranse as normas e criterios indicados no ANEXO III das presentes bases.

Mérito 2. Formación específica; ata un máximo de 30 puntos

Mérito polo que as persoas aspirantes poderán acadar, como máximo, o trinta por cento (30%) da puntuación total máxima alcanzable no concurso e, polo tanto, unha puntuación máxima de 30 puntos; e que se valorará consonte aos criterios e baremo sinalados a continuación.

Valorarase a formación específica directamente relacionada coas funcións, responsabilidades e/ou competencias profesionais inherentes á vacante convocada

Aos anteditos efectos, considerarase formación específica susceptible de valoración os cursos/accións de formación específica, especialización ou perfeccionamento acreditados polas persoas aspirantes e que:

— Teñan sido impartidos/realizados e/ou homologados no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), dos Acordos/Plans para a Formación Continua do Persoal das Administracións Públicas, ou equivalentes/substitutivos

— Ou teñan sido impartidos, organizados e/ou homologados por Administracións Públicas e aqueloutros organismos públicos e entidades de dereito público vinculados ou dependentes das mesmas, así como por Universidades Públicas

— Ou que teñan sido impartidos ou organizados por centros de formación homologados; ou por Universidades Privadas, Escolas Oficiais, Colexios Oficias, Organizacións Sindicais e aqueloutras entidades públicas ou privadas sempre que os ditos cursos/accións de formación conten, en todo caso, con homologación ou recoñecemento oficial.

E que no referido ao seu contido/obxecto cumpran, ademais, con algunha das seguintes condicións:

— Que estean directamente relacionados coas funcións, responsabilidades e/ou competencias profesionais habitual e especificamente atribuíbles/inherentes á vacante convocada.

— Ou que versen sobre algunha das seguintes materias de carácter transversal:

• Coñecemento de Lingua Galega:

— CELGA: A este respecto, serán obxecto de valoración os Certificados de Lingua Galega (CELGA) ou acreditacións do coñecemento de lingua galega equivalentes, obtidos e acreditados de conformidade ao previsto na normativa de aplicación e, polo tanto, con arranxo ao Sistema de Certificación de Lingua Galega (CELGA) actualmente vixente, ou as súas certificacións equivalentes, debidamente homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (nos termos do previsto na Orde de 16 de xullo de 2007, e Orde de 10 de febreiro de 2014, que modifica a anterior, ao respecto dos certificados oficiais acreditativos dos niveles de coñecemento de lingua galega); e a súa valoración realizarase con arranxo ao baremo e puntos indicados a continuación:

• Nos supostos en que as prazas convocadas se clasifiquen nos grupos profesionais A, subgrupos A1 e A2, grupo B ou grupo C, por estar en posesión do CELGA 4 ou superior (ou equivalentes), 1 punto (a computar dentro do máximo total de 30 puntos)

• Nos supostos en que as prazas convocadas se clasifiquen no grupo/subgrupo profesional C2, por estar en posesión do CELGA 3 ou superior (ou equivalentes), 1 punto (a computar dentro do máximo total de 30 puntos)

• Nos supostos en que as prazas convocadas se clasifiquen na AP, por estar en posesión do CELGA 2 ou superior (ou equivalentes), 1 punto (a computar dentro do máximo total de 30 puntos)

No caso de que as persoas aspirantes aleguen e acrediten varios CELGAS (ou equivalentes), só se valorará o de maior nivel; e, e todo caso, so serán obxecto de valoración os homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

— Linguaxe administrativa galega. A este respecto, serán obxecto de valoración os cursos de coñecemento da lingua galega sinalados a continuación, que serán valorados con arranxo ao baremo e puntos indicados:

• Linguaxe administrativa; nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou linguaxe xurídica galega, ou ciclo elemental dos estudos de galego das escola oficial de idiomas: 1 punto (a computar dentro do máximo total de 30 puntos)

• Linguaxe administrativa superior; nivel superior de linguaxe administrativa local galega, linguaxe xurídica galega superior, ou ciclo superior dos estudos de galego da escola oficial de idiomas: 2 puntos. (a computar dentro do máximo total de 30 puntos)

No caso de que as persoas aspirantes aleguen e acrediten ambos cursos, só se valorará o de maior nivel; e, e todo caso, so serán obxecto de valoración os homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

• Idiomas estranxeiros

• Prevención de riscos laborais/seguridade e saúde laboral

• Igualdade

• Protección de datos

• Administración electrónica

• Ofimática

• Atención e información ao cidadán

• Responsabilidade Social nas AAPP. Xestión pública responsable e sostible.

• Procedemento administrativo

• Réxime Local

• Réxime xurídico do Sector Público

• Contratación Pública

E terase en conta tamén, sen prexuízo do antedito, e aos efectos da determinación da formación susceptible de valoración:

— Que non se valorarán os títulos académicos oficiais do Sistema Educativo Español (en ningún dos seus diferentes niveis) ou equivalentes doutros Estados (nin as horas de formación recibidas para/durante a obtención dos mesmos), agás os referidos no seguinte apartado

— Que si se valorarán os títulos de máster ou posgrao non doutoral (ou equivalentes), sempre que non resulten habilitantes/obrigatorios para a obtención dunha titulación académica oficial determinada ou para o exercicio dunha profesión, e que teñan sido outorgados por Universidades, Centros de Educación Superior e restantes centros públicos ou privados homologados/autorizados aos ditos efectos

— Que non se valorará:

• A formación especializada que resulte habilitante/obrigatoria para a obtención dunha titulación académica oficial determinada ou para o exercicio dunha profesión/carreira coincidente coa praza convocada

• Os certificados de profesionalidade e aqueloutras formas de acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (ou equivalentes doutros Estados)

• A asistencia a xornadas, simposios, seminarios, congresos ou similares/asimilables.

• A formación vinculada á preparación/desenvolvemento de procesos selectivos ou de provisión

A valoración da antedita formación específica realizarase conforme aos criterios de puntuación sinalados a continuación, e ata o máximo total de 30 puntos (dentro do que se computarán tamén os puntos no seu caso obtidos polos cursos de linguaxe administrativa e CELGA antes indicados, consonte aos criterios de valoración puntuación fixado):

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique no grupo A, subgrupo A1, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 300 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgaranse 0,10 puntos por cada hora de formación

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique no grupo A, subgrupo A2, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 250 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgaranse 0,12 puntos por cada hora de formación

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique no grupo B, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 200 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgaranse 0,15 puntos por cada hora de formación

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique no grupo C, subgrupo C1, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 150 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgaranse 0,20 puntos por cada hora de formación

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique no grupo C, subgrupo C2, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 80 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgaranse 0,38 puntos por cada hora de formación

— Nos supostos en que a praza convocada se clasifique na Agrupación profesional, ou equivalentes, acadarase o máximo total de 30 puntos a partires das 40 horas de formación, e de non chegar ao dito máximo outorgarase 0,75 puntos por cada hora de formación

Sen prexuízo do antedito, aos efectos da acreditación, consideración e valoración dos méritos sobre “formación específica” alegados polas persoas aspirantes aplicaranse, tamén, as normas e criterios indicados a continuación:

— Entenderanse por Administracións Públicas as consideradas como tales no artigo 2.3. da Lei 40/2015, de 1 de outubro.

— No caso de que a duración os cursos/accións de formación alegados só se estableza por créditos e non por horas, cada crédito equivalerá a 10 horas.

— Valoraranse por unha soa vez os diferentes cursos/accións de formación cun mesmo obxecto ou referidos a unha mesma materia (agás que quede claramente constatado que o contido tivera sido diferente, ou que se tratase de actualizacións); valorándose, unicamente, o de nivel superior, avanzado ou, de resultar coincidentes, o de data máis próxima.

— PARA A ACREDITACIÓN da formación específica alegada polas persoas aspirantes, e cuxa valoración pretendan, deberán achegar o título correspondente ou certificación ou documento acreditativo equivalente de ter superado o curso ou acción formativa alegados, e que teña sido expedido/emitido polo órgano/autoridade competente da entidade/organismo organizador ou responsable aos ditos efectos acreditativos

Nos anteditos documentos acreditativos da realización dos cursos/accións formativas deberá constar a data da súa realización, a súa duración (en horas e/ou créditos), así como o seu obxecto e/ou materias/temario/contidos impartidos (agás cursos monógráficos); de non figurar/acreditarse ditos extremos, non serán obxecto de valoración.

En todo caso, non se terán en conta outras formas de acreditación da formación específica diferentes das anteditas.

9.7. A puntuación final da fase de concurso resultará das suma das puntuacións outorgadas ás persoas aspirantes pola valoración, consonte ao antes sinalado, dos méritos adecuadamente presentados e acreditados

Nos supostos des empates entre as puntuacións finais obtidas no concurso por dous ou máis aspirantes, estes resolveranse atendendo ao disposto a continuación:

— Primeiramente, terase en conta o total da puntuación obtida no mérito “experiencia profesional”

— Seguidamente, en caso de seguir existindo empates, terase en conta o maior tempo (meses) de servizos prestados acreditado nos diferentes apartados do mérito “experiencia profesional”, segundo a orde prevista nestas bases; así terase en conta, en primeiro lugar, o maior tempo acreditado no apartado a), e de seguir manténdose os empates, este resolveranse acudindo, sucesivamente e por orde, ao maior tempo acreditado nos seguintes apartados do mérito “experiencia profesional”.

— No caso de que, tendo en conta os criterios anteditos, persistan os empates, terase en conta a maior puntuación obtida polo mérito “formación específica”

— E finalmente, no caso de que non teña sido posible desfacer os empates trala aplicación dos criterios anteriores, este resolverase por sorteo, realizado por e ante os respectivos Tribunais, e coa presenza de todas as persoas aspirantes afectadas que así o desexen.

A puntuación final da fase de concurso farase pública mediante anuncio no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello; con indicación singularizada da puntuación obtida polos diferentes méritos, así como da puntuación total acadada. As persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións obtidas na fase de concurso, para formular as alegacións/reclamacións que no seu caso estimen pertinentes. Á vista das reclamacións que se presenten, e de ser estimadas, realizaranse as correccións nas puntuacións no seu caso procedentes, con nova publicación das mesmas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello.

DÉCIMA. Finalización dos procesos selectivos.

10.1. Superación do proceso selectivo. Relación de aspirantes propostos para a súa selección e adquisición da condición de persoal funcionario de carreira 10.1.1. Unha vez finalizado o concurso os Tribunais farán pública, no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, a relación de persoas aspirantes que, en igual número ás vacantes convocadas, e segundo a orde de prelación resultante da puntuación total acadada no concurso (de maior a menor puntuación e aplicando, de ser preciso, os criterios de desempate fixados), procederá declarar que teñen superado o proceso selectivo, e que serán propostas, á Alcaldía, para que sexan seleccionadas para a cobertura en propiedade das prazas convocadas e a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira ao servizo do Concello.

A antedita proposta dos Tribunais terá carácter vinculante para a Alcaldía.

10.1.2. Os Tribunais poderán declarar desertas aquelas prazas que non poidan ser obxecto de cobertura por ter superado o proceso selectivo un número de aspirantes inferior ao de prazas convocadas.

Igualmente, os Tribunais non poderán declarar que teñen superado o proceso selectivo, nin propoñer a selección e adquisición da condición de persoal funcionario de carreira ao servizo do Concello, dun número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

Non obstante o anterior, e sempre que os Tribunais teñan proposto a selección e nomeamento de igual número de aspirantes que de prazas convocadas, e coa finalidade de asegurar a súa efectiva cobertura en supostos que poidan imposibilitar dito nomeamento e/ou toma de posesión (xa sexa por renuncia, polo incumprimento dos prazos, requisitos e/ou requirimentos documentais previstos ao efecto, ou ben aqueloutra causa sobrevida), xunto coa dita proposta tamén configurarán e incorporarán unha relación/listaxe complementaria integrada por aqueles aspirantes non comprendidos entre os inicialmente propostos para a súa selección e que os sigan por orde descendente da puntuación final acadada no proceso selectivo (de maior a menor puntuación e aplicando, de ser preciso, os criterios de desempate fixados).

A antedita proposta dos Tribunais terá carácter vinculante para a Alcaldía.

En todo caso, a publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello desta relación de persoas aspirantes que teñan superado o proceso selectivo e sido propostas para a súa selección e nomeamento tamén se deberá acompañar, asemade, dunha advertencia de que deberán presentar a documentación requirida ao efecto, no prazo e forma sinalados.

No prazo de vinte (20) días naturais contados dende o seguinte a aquel no que se teña publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello a antedita relación de persoas aspirantes que teñan superado o proceso selectivo e sido propostas para a súa selección e nomeamento, estas deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello (xa sexa presencialmente ou a través da Sede e Rexistro Electrónicos, ou mediante calquera das restantes formas establecidas no artigo 16.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa excepción establecida na súa disposición final sétima), a documentación que se indica a continuación:

(En todo caso, cando as persoas aspirantes presenten esta documentación a través da Oficina de Correos ou a través do Rexistro de calquera outra Administración Pública, isto deberase comunicar ao email indicado ao efecto nas respectivas convocatorias, e dentro do prazo de vinte (20) dúas naturais antes indicado)

a) Declaración responsable na que farán constar e manifestarán (sen prexuízo da responsabilidade na que, no seu caso e por falsidade na dita declaración, puidesen incorrer):

• Non estar separada ou separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública, nin atoparse en situación de inhabilitación para emprego ou cargo público de carácter absoluto ou especial que imposibilite a ocupación e desempeño da praza

• Non acharse incurso/a en causa algunha de incapacidade nin de incompatibilidade, de conformidade coa normativa aplicable, que imposibilite a ocupación e desempeño da praza convocada, e referida ao momento da toma de posesión

• Seguir reunindo todos e cada un dos restantes requisitos esixidos, e xa acreditados, para presentarse ao proceso selectivo.

b) Certificado médico oficial asinado por un colexiado en exercicio no que conste expresamente que se posúe a capacidade funcional (capacidades e aptitudes físicas e psíquicas) necesaria para o desempeño das funcións e/ou tarefas inherentes á praza convocada

c) Copia da tarxeta sanitaria ou aqueloutro documento no que figure o número de afiliación á seguridade social

d) Acreditación documental da conta bancaria na que se farían os seus ingresos nominais

No caso das persoas aspirantes que xa presten servizo no Concello unicamente deberán achegar a documentación referida no apartado a), agás que se teñan producido variación nos datos referidos nos apartados c) e d) e, polo tanto, deben realizar nova achega

Se no prazo e forma indicados (agás nos casos de forza maior debidamente motivados, que serán obxecto de apreciación e estimación discrecional e potestativa por parte da Alcaldía) as/os aspirantes propostos para a súa selección e nomeamento non presentaran a documentación requirida, ou da mesma se deducira que non reúnen os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados, anularanse as actuacións anteriores e entenderase a súa renuncia e desistencia dos dereitos inherentes; e isto sen prexuízo das responsabilidades nas que, de ser o caso, puideran incorrer por falsidade. E a Alcaldía proporá e resolverá, con arranxo á orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo (e unha vez aplicados, de ser preciso, os criterios de desempate fixados), a selección e nomeamento dun/dunha integrante da relación/listaxe complementaria de aspirantes conformada ao efecto (segundo o antes indicado); ao que se requirirá a achega da documentación antes sinalada, en forma e prazos idénticos

10.2. Adxudicación de destinos iniciais

Entenderanse por destinos os postos da RPT ou instrumento organizativo equivalente vixente no Concello, sen provisión/cobertura definitiva, e que procederá adxudicar aos aspirantes que, en cada convocatoria, teñan superado o proceso selectivo e que cumpran, en todo caso, cos requisitos obxectivos de desempeño dos ditos postos.

O mesmo día da publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello da antedita relación de aspirantes que, en cada convocatoria, teñan superado o proceso selectivo e sido propostos para a súa selección e nomeamento, e xunto coa mesma, tamén se fará publica a relación de destinos ofertados aos mesmos para súa adxudicación (con natureza de destinos iniciais). No caso de ofertarse un único destino, ou varios respecto do que non caiba concorrencia competitiva (por resultar idénticos na súa adscrición administrativa ou condicións de xornada, profesionais, funcionais, retributivas e/ou aqueloutras definitorias do seu desempeño), estes asignaranse directamente. De non ser así e derivarse, xa que logo, concorrencia competitiva, no prazo de vinte (20) días naturais contados dende o seguinte ao da dita publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, os/as aspirantes que teñan superado o proceso selectivo e sido propostos/as para a súa selección e nomeamento deberán comunicar, entre a relación de destinos ofertados, aqueles respecto dos que solicitan a adxudicación, e no caso de que sexan varios os solicitados, deberán indicar a súa orde de preferencia.

A adxudicación de destinos efectuarase atendendo ás solicitudes e preferencias trasladadas polos interesados respecto dos destinos ofertados, e seguindo a orde/prioridade de asignación derivada da orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo (de maior a menor puntuación e unha vez aplicados, de ser preciso, os criterios de desempate fixados).

Nos supostos de aspirantes que non se teña trasladado ningunha solicitude e preferencia de adxudicación de destinos, adxudicaránselle os que, entre os ofertados, non teñan sido adxudicados, e tendo en conta a orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo.

A adxudicación dos postos realizada consonte ao procedemento descrito nesta base terá carácter definitivo, resultando a todos os efectos equivalente á provisión dos postos mediante concurso.

10.3. Adquisición da condición de persoal funcionario de carreira e toma de posesión nos destinos adxudicados

A Alcaldía resolverá a ocupación da/das praza/s convocada/s e o nomeamento como persoal funcionario de carreira dos aspirantes propostos que teñen cumprido, en forma en prazo, coa achega documental requirida e referida no apartado 9.1.2; con indicación, tamén, dos destinos adxudicados, segundo o sinalado no apartado anterior, e nos que os aspirantes finalmente seleccionados formalizarán e farán efectiva, aos efectos administrativos/retributivos e aqueloutros inherentes, o seu ingreso e toma de posesión. Dita resolución será obxecto de publicación no BOP e DOG, así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, sen prexuízo da súa notificación individualizada aos interesados, e na mesma tamén se comunicará o prazo/data para a toma de posesión (no caso de persoal funcionario), que deberá producirse, en todo caso, no prazo máximo dun mes dende o día seguinte ao da publicación da resolución no BOP.

En todo caso, a eficacia destas resolucións de nomeamento como funcionario de carreira estará condicionada/supeditada á posterior e efectiva toma de posesión e incorporación no prazo e forma sinalados. De non cumprir co prazo e forma indicados, sen existir causa xustificada (casos de forza maior, debidamente motivados, que serán obxecto de apreciación e estimación discrecional e potestativa por parte da Alcaldía), entenderase que existe renuncia/desistencia dos dereitos inherentes, deixando sen efectos as ditas resolucións previas; e a Alcaldía proporá e resolverá, con arranxo á orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo, a selección e nomeamento como persoal funcionario de carreira dun/dunha integrante da relación/listaxe complementaria de aspirantes conformada ao efecto (segundo o indicado anteriormente), con indicación do destino adxudicado (e que sería o que tería correspondido ao aspirante inicialmente proposto e respecto do que non se teña formalizado, finalmente, o seu ingreso e toma de posesión).

Igualmente, e para o disposto neste punto, tamén se entenderá que existe renuncia e desistencia dos dereitos inherentes nos supostos en que as/os aspirantes seleccionados e propostos para a seu nomeamento como persoal funcionario de carreira soliciten, de forma inmediata e no mesmo día da súa toma de posesión e incorporación, a súa excedencia.

DÉCIMO PRIMEIRA. Ceses e indemnizacións

Unha vez resolto o proceso selectivo, coa efectiva toma de posesión das persoas aspirantes finalmente seleccionadas para a cobertura das prazas convocadas, deberase proceder ao cese do persoal temporal que as viñera desempeñando e que non se atope entre os ditos seleccionados (por non ter superado o proceso selectivo ou non terse presentado ao mesmo).

O cese deste persoal temporal, polas razóns anteditas, implicará a finalización da súa relación de servizo (no caso de persoal funcionario interino) ou laboral/contractual (no caso do persoal laboral temporal) co Concello. E no caso da extinción de relacións laborais/contractuais estas deberanse realizar consonte ao procedemento previsto pola normativa laboral aplicable ao efecto e, en todo caso, respectando o período de preaviso.

En todo caso, o persoal funcionario interino ou laboral temporal que, estando en activo como tal, fose cesada nos termos anteditos, terá dereito á compensación económica fixada a efecto no artigo 2.6 da Lei 20/2021, sempre que tivera participado no proceso selectivo de estabilización do que derive o dito cese.

DÉCIMO SEGUNDA. Normas finais

12.1 As presentes Bases vincularán ao Concello, aos Tribunais e ás persoas participantes.

Para todo o non previsto nestas Bases estarase ao disposto polo marco normativo de aplicación. E os Tribunais estará facultados para resolver e/ou interpretar as dúbidas que se puideran presentar e tomar os acordos necesarios para a boa orde e adecuado desenvolvemento dos procesos selectivos, con pleno sometemento e adecuación ás previsións normativas aplicables, e con arranxo ao sentido e contido destas Bases.

12.2. As persoas aspirantes que teña sido finalmente seleccionadas e adquirido a condición de persoal de funcionario de carreira quedará suxeitas, dende o momento da efectiva formalización da súa toma de posesión, ao réxime legal de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas vixente e aplicable en cada momento.

12.3. Todas as referencias á Alcaldía entenderanse realizadas ao órgano municipal que, en cada momento, e por previsión normativa e/ou delegación desta, asuma idénticas competencias.

12.4. De acordo co disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía de Dereitos Dixitais, os datos persoais facilitados incorporaranse e manteranse nun ficheiro titularidade do Concello, coa finalidade de poder atender a súa solicitude. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, podendo ser cedidos só nos casos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantías de dereito dixitais. Para exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, na medida en que a lei o permita, dos datos persoais, a persoa interesada deberá comunicalo por escrito ao Concello, achegando copia do documento que acredite a súa identidade.

Igualmente, ao efectos do cumprimento antedita e restante normativa aplicable na materia, toda actuación derivada dos procesos selectivos de estabilización que implique publicidade/exposición pública de identificacións nominais deberá ser obxecto das adecuacións pertinentes en materia de protección de datos de carácter persoal; así, con carácter xeral e sen prexuízo daqueloutra metodoloxía igualmente válida para os ditos efectos, realizaranse con indicación do nome, apelidos e catro cifras aleatorias do DNI.

12.5. As diferentes acreditacións/xustificacións documentais requiridas ao longo do desenvolvemento dos procesos selectivos poderanse realizar mediante a achega de copias simples, sen necesidade de cotexo das mesmas; sen prexuízo de que, ao abeiro do disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (ou aqueloutras previsións normativas análogas/concordantes e/ou substitutivas), se puidera requirir a posterior presentación de documentación/información orixinal e o seu cotexo.

DÉCIMO TERCEIRA. Réxime de recursos

A resolución aprobatoria destas Bases e cantos actos administrativos se deriven delas e das respectivas convocatorias, así como das actuacións dos Tribunais, poderán ser impugnados polos interesados tanto en vía administrativa como contenciosa, na forma e prazos establecidos pola Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e/ou aqueloutra normativa concordante e vixente ao respecto.

2553.png
2590.png
2624.png
2659.png
2694.png
2728.png
2763.png
2798.png
2838.png