PORTAL DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • Home
  • /
  • DECEMBRO 2021 – BASES REGULADORAS DE VACANTE PARA LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A, OEP 2020

DECEMBRO 2021 – BASES REGULADORAS DE VACANTE PARA LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A, OEP 2020

BASES REGULADORAS DE VACANTE PARA LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A, OEP 2020

ANUNCIO

BASES REGULADORAS DA CONVOCATORIA E PROCESO SELECTIVO PARA A COBERTURA, EN QUENDA LIBRE E MEDIANTE PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA, DUNHA VACANTE DE LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A INCLUÍDA NA OEP DO CONCELLO DE CAMBADOS DO ANO 2020

A Xunta de Goberno Local, en sesión do 10.12.2021, prestou aprobación ás Bases reguladoras da convocatoria e proceso selectivo para a cobertura en quenda libre e mediante persoal funcionario de carreira dunha vacante de letrado/a asesor xurídico/a incluída na OEP do Concello de Cambados do ano 2020, que se recollen a continuación:

“BASES REGULADORAS DA CONVOCATORIA E PROCESO SELECTIVO
PARA A COBERTURA, EN QUENDA LIBRE E MEDIANTE PERSOAL FUNCIONARIO
DE CARREIRA, DUNHA VACANTE DE LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A INCLUÍDA NA OEP DO CONCELLO DE CAMBADOS DO ANO 2020

PRIMEIRA.- OBXECTO E PREVISIÓNS XERAIS

1. A presentes bases teñen por obxecto a regulación da convocatoria e proceso selectivo para a cobertura, mediante persoal funcionario de carreira, dunha praza de Letrado/a Asesor/a Xurídico/a que ten sido obxecto de inclusión, para quenda libre, na súa oferta de emprego público do ano 2020 (BOP nº 250, de 30 de decembro de 2020).

2. Desta convocatoria derivarase, tamén, e segundo o previsto na base novena, a creación dunha bolsa de emprego temporal que terá por obxecto habilitar unha listaxe de aspirantes á que se acudirá, nos supostos legais procedentes e con arranxo ás modalidades correspondentes, para as futuras incorporacións e nomeamentos do persoal funcionario interino coa condición de letrado/a-asesor/a xurídico/a que, de ser o caso e previa xustificación da necesidade, poidan requirise no Concello de Cambados

3. O sistema selectivo empregado será o concurso-oposición, que se desenvolverá con arranxo ao previsto nas presentes bases específicas

4. Esta convocatoria, xunto co texto íntegro das súas bases reguladoras, serán obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal) . Ademais, tamén se realizara, posteriormente, un anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) e por último no Boletín Oficial do Estado (BOE), con referencia á previa publicación no BOP. Os restantes e sucesivos anuncios inseriranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal) (agás as resolucións de aprobación da lista provisional e definitiva de admitidos, e de nomeamento e convocatoria/constitución do Tribunal, con publicación tamén no BOP; así como a de finalización do proceso e nomeamento do/a aspirante seleccionado/a, que tamén se pulicará no BOP e no DOG).

SEGUNDA.- CARACTERÍSTICAS DA VACANTE CONVOCADA.

Clase de persoal.- Funcionario de carreira

Denominación: Letrado/a-Asesor/a Xurídico/a

Clasificación: Grupo A, subgrupo A1, escala de administración especial, subescala técnica, clase superior

Funcións: As correspondentes ao posto e servizo de adscrición, segundo RPT municipal e/ou instrumento organizativo equivalente e vixente en cada momento, e que resulten propias da capacitación profesional, formativa e/ou legal inherentes.

Retribucións: As básicas propias do seu grupo/subgrupo de clasificación profesional, así como as complementarias fixadas, para oposto de adscrición correspondente, na RPT vixente (e sen prexuízo daquelas de índole persoal e/ou variable ás que, no seu caso, se poida ter dereito).

Xornada de traballo: Completa

TERCEIRA.- REQUISITOS DAS PERSOAS ASPIRANTES.

Para tomar parte nesta convocatoria e proceso selectivo, as e os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de solicitudes de participación:

a) Ter a nacionalidade española ou algunha outra que, con arranxo ao disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, de 29 de abril, de Emprego Público de Galicia, e restante normativa concordante, permita o acceso á praza convocada

b) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das funcións ou tarefas correspondentes.

As persoas con discapacidade compatible coas tarefas e funcións correspondentes á praza convocada poderán concorrer en igualdade de condicións que o resto das/os aspirantes, coas adecuacións no seu caso necesarias para o desenvolvemento do proceso selectivo; aplicándose, a tal efecto, o establecido na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, publicada no BOE do 13 de xuño de 2006, polo que se establecen os criterios para adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade. Para estes efectos, os tribunais poderán requirir informe ou colaboración doutros órganos administrativos ou da administración sanitaria.

c) Ter cumpridos dezaseis anos de idade e non exceder, se é o caso, da idade máxima de xubilación forzosa.

d) Estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso, da titulación de grao ou licenciatura universitaria en dereito, ou equivalentes

No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberase ter concedida a correspondente credencial de homologación, segundo o Real Decreto 967/2014, do 21 de novembro (BOE do 22 de novembro), o Real Decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, así como a determinados aspectos da profesión de avogado (BOE do 20 de novembro), ou aqueloutra normativa concordante vixente ao respecto.

e) Estar en posesión, ou en condicións de obtención antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso, do curso/máster habilitante, ou habilitación legal equivalente, para o exercicio da avogacía

f) Non estar separada ou separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial (cando se trate de acceder ao corpo ou escala de funcionarios/as do que a persoa tivera sido separada ou inhabilitada).

No caso de ser nacional doutro estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público e/ou a esta praza obxecto de convocatoria.

g) Estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, do CELGA 4 ou acreditación do coñecemento de lingua galega equivalente

A dita acreditación do coñecemento de lingua galega realizarase de conformidade ao previsto na normativa de aplicación; con arranxo ao Sistema de Certificación de Lingua galega (CELGA) actualmente vixente, ou as súas certificacións equivalentes, debidamente homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (nos termos do previsto na Orde de 16 de xullo de 2007, e Orde de 10 de febreiro de 2014, que modifica a anterior, ao respecto dos certificados oficiais acreditativos dos niveles de coñecemento de lingua galega).

En todo caso, e con arranxo ao previsto no artigo 51.2 da Lei do Emprego Público de Galicia, os/as aspirantes que non acrediten o dito coñecemento da Lingua Galega (CELGA 4 u equivalente), ou estar en condicións de obtelo dentro do prazo de presentación de solicitudes, deberán realizar unha proba específica de coñecemento de lingua galega, de conformidade ao previsto na base sétima, e que cualificará ao/á aspirante como apto/a ou non apto/a.

CUARTA.- PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE PARTICIPACIÓN.

1. As interesadas e interesados en participar na convocatoria e proceso selectivo deberán presentar, segundo modelo-tipo que figura como Anexo I destas bases, e no prazo máximo de vinte (20) naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado, instancia/solicitude dirixida á Sra. Alcaldesa no Rexistro Xeral do Concello ou na forma establecida no artigo 16 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (coa excepción establecida na súa disposición final sétima).

2. As persoas coa condición legal de discapacidade deberán facelo constar na solicitude, indicando se precisan adaptacións para realizar as probas.

Os/as aspirantes que teñan a condición legal de discapacitados, con grao igual ou superior ao 33 por cento, terán que presentar certificación dos órganos competentes que acrediten tal condición, xunto con acreditación da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. Ás solicitudes de participación deberá xuntárselles a seguinte documentación:

a) Copia do DNI, pasaporte ou identificativo equivalente e acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa aspirante.

b) Copia do título (ou certificado acreditativo equivalente) acreditativo/xustificativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias, do título requirido para participar na convocatoria e proceso selectivo, segundo o sinalado na base 3.d.

c) Copia de documento acreditativo/xustificativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias, do requisito de habilitación para o exercicio da avogacía sinalado na base 3.e

d) Copia de documento acreditativo/xustificativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias, do nivel coñecemento da lingua galega requirido segundo o sinalado na base 3.g (CELGA 4 ou equivalente)

e) Relación dos méritos alegados polas persoas aspirantes para a súa valoración na fase de concurso, xunto con copia da documentación acreditativa destes, segundo o previsto a continuación.

A dita relación de méritos achegarase segundo a orde fixada na base sétima, e acompañaranse das copias dos documentos xustificativos/acreditativos dos mesmos. Debendo advertirse, a este respecto, que non se terán en conta, nin serán obxecto de valoración, aqueles méritos que non teñan sido achegados nin debidamente acreditados, na forma e con arranxo aos criterios e prazo sinalados nestas bases. Así, aqueles que se acheguen ou acrediten fóra de prazo sinalado, serán considerados como achega de documentación fóra de prazo e, polo tanto, non susceptibles de valoración; sen prexuízo dos supostos excepcionais nos que, previo acordo expreso do Tribunal, se poida requirir aclaración, documentación/información aclaratoria e/ou adicional sobre outra anterior achegada en prazo.

f) Ter ingresado na conta da Tesourería do Concello de Cambados, durante o prazo de presentación de instancias, o importe en concepto de dereitos de exame segundo o disposto na ordenanza reguladora por importe de 38,50 €. Para o pago das taxas deben solicitar o documento de ingreso no departamento de tesourería do Concello, ou ben enviando un correo electrónico a tesoreria@cambados.es indicando no mesmo correo os seguintes datos: nome e apelidos, dni, enderezo completo con código postal, nome do proceso selectivo e teléfono de contacto; tendo en conta que deben facelo coa antelación suficiente para recibir o devandito documento, e poder realizar o pago efectivo no prazo de presentación de instancias. Non procederá a devolución do importe da taxa cando a mesma se ingrese fóra de prazo por causa imputable ao suxeito pasivo.

4. A antedita acreditación documental realizarse mediante a achega de copias simples, sen necesidade de cotexo das mesmas; sen prexuízo de que, ao abeiro do disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (ou aqueloutras previsións normativas análogas/concordantes e/ou substitutivas), se poida requirir a posterior presentación de documentación/información orixinal e o cotexo.

5.O prazo de presentación de instancias/solicitudes de participación será de vinte días naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. A non presentación en tempo e forma suporá a inadmisión da persoa aspirante no proceso selectivo.

QUINTA.- ADMISIÓN DE ASPIRANTES. DATA E LUGAR DE INICIO DO PROCESO SELECTIVO

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía ditará resolución pola que se declarará aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo de exclusión, e sinalarase un prazo de dez días hábiles para emendas, de acordo co artigo 68 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Posteriormente a Alcaldía aprobará a listaxe definitiva de admitidos e excluídos, así como a composición nominal do Tribunal, lugar, data e hora na que se citará ao mesmo para a súa primeira sesión, así como para o inicio do proceso selectivo.

As anteditas resolucións serán obxecto de publicación no BOP, taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal).

SEXTA.- TRIBUNAL CUALIFICADOR

1. O tribunal, cuxa composición se adecuará aos criterios de imparcialidade e profesionalidade, así como aos restantes requisitos previstos, ao efecto, pola normativa de aplicación (artigos 60 do Texto Refundido da lei do Estatuto Básico do Empregado Público e 59 da Lei de Emprego Público de Galicia), será nomeado por resolución de Alcaldía, que se publicará no BOP (xunto coa aprobación de persoas aspirantes admitidas e excluídas) e estará conformado polos seguintes integrantes:

– Presidenta/e (titular e suplente): Unha/un funcionario de carreira pertencente a un corpo ou escala para ingreso no cal se requira titulación igual ou superior á de agora esixida.

– Vogais (titulares e suplentes): Tres funcionarias/os de carreira pertencentes a un corpo ou escala para ingreso no cal se requira titulación igual ou superior á de agora esixida.

– Secretaria/o (titular e suplente): Unha/un funcionario de carreira pertencente a un corpo ou escala para ingreso no cal se requira titulación igual ou superior á de agora esixida.

En todo caso, nos supostos de ausencia, abstención ou recusación da persoa titular da secretaría, poderase designar a unha/un funcionaria/o de carreira pertencente a un corpo ou escala para cuxo ingreso se requira titulación igual ou superior á esixida para a praza obxecto de convocatoria, para o caso de que a persoa que legalmente a substitúa non cumpra o previsto no artigo 59.2 LEPG e 60.2 TRLEBEP.

Para cada un dos membros do tribunal será designado unha persoa suplente. Este actuará nos supostos de que a persoa titular non poida asistir á correspondente sesión do órgano de selección.

O tribunal deberá aplicar as medidas que garantan que a corrección dos exercicios, agás nos de lectura pública, se realice preservando o anonimato dos/as candidatos/as.

2. En todo o non previsto nas presentes bases, así como naqueloutra normativa de específica aplicación, o procedemento de actuación do tribunal axustarase ao establecido, con carácter xeral e supletorio, na normativa aplicable aos órganos colexiados do sector público

SÉTIMA.- DESENVOLVEMENTO DO PROCESO SELECTIVO.

1. O sistema selectivo empregado será o concurso-oposición, no que a fase de concurso se realizará con carácter previo á fase de oposición e non terá carácter eliminatorio, e que se desenvolverá coa arranxo ao especificamente sinalado a continuación.

2. A FASE DE CONCURSO consistirá na valoración dos méritos indicados a continuación, xunto co sistema de baremación aplicable ao efecto; e tendo en conta, en todo caso, que os ditos méritos se valorarán con referencia á data de inicio do prazo de presentación de instancias/solicitudes de participación no proceso selectivo.

Non se terán en conta, nin serán obxecto de valoración, aqueles méritos que non teñan sido achegados nin debidamente acreditados, na forma e con arranxo aos criterios e prazos sinalados nas presentes bases. Así, aqueles que se acheguen ou acrediten fóra de prazo sinalado, serán considerados como méritos e documentación achegada fóra de prazo e, polo tanto, non susceptibles de valoración; sen prexuízo dos supostos excepcionais nos que, previo acordo expreso do Tribunal, se poida requirir aclaración, documentación/información aclaratoria e/ou adicional sobre outra anterior achegada en prazo.

A puntuación obtida nesta fase de concurso sumarase á obtida na fase de oposición, sempre que que as persoas aspirantes a tivesen superado (por ter superado todos os exercicios que lle resulten obrigatorios), determinándose, así, a puntuación final.

Os méritos a valorar na fase de concurso, así como os sistema e criterios de baremación/puntuación aplicables ao respecto, serán os indicados a continuación:

a) Experiencia profesional relacionada coa vacante obxecto de convocatoria, ata un máximo total de 8,4 puntos.

a.1) Polos servizos prestados, como empregado público, en praza/posto/categoría/condición de letrado/a, avogado/a, asesor/a xurídico/a (ou con funcións de asesoría xurídica) ou equivalentes/análogos:

-En calquera administración local ou entidade pública dependente da mesma; 0,050 puntos por cada mes completo de servizos prestados, e ata un máximo total de 3 puntos

-En calquera outra administración pública ou entidade integrante do sector público; 0,035 puntos por cada mes completo de servizos prestados, e ata un máximo total de 2,1 puntos

a.2) Polos servizos prestados, mediante contrato administrativo/relación mercantil, como letrado/a, avogado/a, asesor/a xurídico/a (ou con funcións de asesoría xurídica) ou equivalentes/análogos:

-En calquera administración local ou entidade pública dependente da mesma; 0,040 puntos por cada mes completo de servizos prestados, e ata un máximo total de 2,4 puntos

-En calquera outra administración pública ou entidade integrante do sector público; 0,025 puntos por cada mes completo de servizos prestados, e ata un máximo total de 1,5 puntos

a.3) Polo tempo de exercicio da avogacía; 0,3 puntos por cada ano completo de servizos prestados, e ata un máximo total de 3 puntos

Aos efectos do antedito, o mes equivalerá a 30 días, e non serán obxecto de valoración as fraccións de tempo inferiores resultantes. E o ano equivalerá a 365 días, e non serán obxecto de valoración as fraccións de tempo inferiores resultantes.

Non se terán en conta outras formas de acreditación dos servizos prestados diferentes das previstas nestas bases

Para a acreditación dos méritos anteditos deberase achegar a seguinte documentación xustificativa:

-No referido aos méritos do apartado a1.e a3.:

• No caso dos servizos prestados como empregado público en réxime laboral, mediante contrato de traballo, xunto con certificación de vida laboral acreditativa de ditos servizos e expedida polo órgano competente da seguridade social.acompañada de certificación expedida polo funcionario/a ou órgano competente da entidade correspondente na que se reflictan e acrediten, claramente, tales extremos.

• No caso dos servizos prestados como empregado público en réxime funcionarial, resolución do nomeamento e/ou a toma de posesión, xunto con certificación de vida laboral acreditativa de ditos servizos e expedida polo órgano competente da seguridade social acompañada de certificación expedida polo funcionario/a ou órgano competente da entidade correspondente na que se reflictan e acrediten, claramente, tales extremos.

En todo caso, desta documentación xustificativa deberá concluírse/deducirse, de xeito claro e inequívoco, os servizos prestados e que se pretende que sexan valorados, así como o tempo/duración da súa efectiva prestación.

No referido aos méritos do apartado a.2 e, polo tanto, para a acreditación dos servizos prestados mediante contrato administrativo ou relación mercantil, deberase achegar resolución administrativa de adxudicación/formalización ou os contratos administrativos/mercantís correspondentes; ou, alternativamente, certificación expedida polo funcionario/a ou órgano competente da entidade correspondente na que se reflictan e acrediten, de xeito claro e inequívoco, os servizos efectivamente prestados en tales condicións en que que se pretende que sexan valorados, como o tempo/duración da súa prestación.

-No referido aos méritos do apartado a.3 e, polo tanto, para a acreditación do tempo de exercicio da avogacía, deberase achegar certificación expedido polo Colexio Oficial correspondente que acredite o tempo de colexiación como exercente.

b) Formación específica, ata un máximo total de 4 puntos

Valorarase a formación específica directamente relacionada coas funcións e/ou competencias profesionais inherentes á vacante convocada

Aos anteditos efectos, considerarase formación específica susceptible de valoración os cursos/accións de formación específica, perfeccionamento, especialización ou análogos, cunha duración mínima de 10 horas lectivas, e que teña sido impartidos, recoñecidos e/ou homologada por Administracións Públicas ou entidades ou organismos dependentes destas (incluíndo as Universidades e os Colexios Oficiais de Avogados/as), e que versen sobre:

-Materias coincidentes ou relacionadas coas comprendidas no temario fixado para a fase de oposición (anexo II)

-O exercicio xeral da avogacía

-O marco xurídico, organización e funcionamento do poder/sistema xudicial español e europeo

-Coñecemento da lingua galega

E non será obxecto de valoración a formación referida ao requisito de habilitación para o exercicio da avogacía sinalado na base 3.e

A valoración da dita formación realizarase conforme aos criterios de puntuación sinalados a continuación, e ata un máximo total de 4 puntos:

-Por hora/crédito de formación: 0,01 puntos.

Para a acreditación desta formación deberase achegar o título correspondente ou certificación equivalente e acreditativa de ter superado o curso ou acción formativa alegada, expedidos pola entidade/organismo organizador ou responsable da actividade formativa.

Nos documentos acreditativos da realización dos cursos/accións formativas deberá constar a data da súa realización, a súa duración (en horas e/ou créditos), así como o seu obxecto e/ou materias impartidas; de non figurar/acreditarse ditos extremos, non serán obxecto de valoración.

No caso de que a duración só se estableza por créditos e non por horas, cada crédito equivalerá a 10 horas.

Valoraranse por unha soa vez os diferentes cursos/accións cun mesmo obxecto ou referidos a unha mesma materia (agás que quede claramente constatado que o contido tivera sido diferente, ou que se tratase de actualizacións); valorándose, unicamente, o de nivel superior, avanzado ou, de resultar coincidentes, o de data máis próxima.

Os cursos de coñecemento da lingua galega sinalados a continuación serán valorados con arranxo ao baremo indicado:

– Linguaxe administrativa; nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou linguaxe xurídica galega, ou ciclo elemental dos estudos de galego das escola oficial de idiomas: 0,25 puntos.

– Linguaxe administrativa superior; nivel superior de linguaxe administrativa local galega, linguaxe xurídica galega superior, ou ciclo superior dos estudos de galego da escola oficial de idiomas: 0,50 puntos.

Só se valorará o de maior nivel, e os homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística.

Non se terán en conta outras formas de acreditación da formación específica diferentes das previstas nestas bases.

O resultado da fase de concurso farase público mediante anuncio no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal https://cambados.sedelectronica.gal, antes de iniciarse a fase de oposición. Igualmente, no dito anuncio tamén se indicará a data, hora e lugar de celebración do primeiro exercicio da fase de oposición ou, no seu defecto, indicaranse os medios polos que será anunciada a dita celebración.

Os aspirantes disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións obtidas na fase de concurso, para formular alegacións/reclamacións. Á vista das reclamacións que se presenten, e no caso de ser estimadas polo Tribunal, realizaranse as oportunas correccións nas puntuacións, publicándose de novo a valoración definitiva no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal).

3. A FASE DE OPOSICIÓN constará de 3 exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio para todas as persoas aspirantes, sen prexuízo da proba específica de coñecemento de lingua galega (3º exercicio da fase de oposición), que só será obrigatoria para os/as aspirantes que non teñan acreditado estar en posesión do nivel de coñecemento de galego requirido na base terceira (CELGA 4, ou equivalente), e na que os/as aspirantes serán cualificados como apto/a ou non apto/a. Os/as aspirantes que non acrediten posuír o nivel de coñecemento de galego requirido ou que, alternativamente, non teñan sido declarados aptos/as na proba específica de galego, serán eliminados do proceso selectivo.

Os/as aspirantes que non superen algún dos exercicios obrigatorios da fase de oposición non poderán realizar os exercicios seguintes, e quedarán eliminadas/os do proceso selectivo.

Para poder superar o proceso selectivo e, polo tanto, optar á cobertura da vacante convocada, as/os aspirantes deberán ter superado todos os exercicios da oposición que lle resultan obrigados; de non ser así, e non existir ningún aspirante que teña superado a fase de oposición, poderase declarar deserta. En todo caso, non se poderán declarar como seleccionados e ser nomeados un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

Dende a total conclusión dun exercicio/proba ata o comezo do seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de setenta e dúas horas e un máximo de corenta e cinco días naturais.

No suposto de sexa preciso establecer unha orde de actuación/chamamento dos/as aspirantes, seguirase a orde alfabética e criterios aplicables ao efecto que, para o ano en curso, teña aprobado a Xunta de Galicia en relación á orde de actuación dos aspirantes nos procesos selectivos para o ingreso na Administración Autonómica de Galicia que se deriven da oferta de emprego público correspondente e/ou en curso.

Os exercicios dos que constará a oposición serán os seguintes:

Primeiro exercicio: Este exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para todas as persoas aspirantes, consistirá na resolución por escrito, nun tempo máximo de noventa minutos (90 minutos), dun cuestionario tipo test de 75 preguntas (e 5 de reserva) con 4 respostas alternativas, das que só unha será a correcta, e que gardarán relación coas materias comprendidas no temario que figura no anexo II.

As preguntas de reserva deberán ser contestadas polos aspirantes e utilizaranse para substituír aquelas preguntas do exame inicial que, de ser o caso, fosen anuladas polo tribunal, previo acordo motivado ao respecto. Neste suposto, a pregunta anulada do exame inicial terase por non formulada e será substituída pola primeira pregunta de reserva, e así sucesivamente no caso de que houbera mais dunha anulación.

O cuestionario será determinado polo Tribunal inmediatamente antes da realización do mesmo.

A proba cualificarase de 0 a 10 puntos, debéndose obter unha puntuación mínima de 5 puntos para superalo, correspondendo ao tribunal determinar o número mínimo de preguntas acertadas necesario para alcanzar a dita puntuación (nota de corte), que non terá por que corresponderse necesariamente co 50% das preguntas acertadas, e para o que se terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha (1) correcta.

Os/as aspirantes disporán dun prazo de tres (3) días hábiles para formular reclamacións/alegacións ao respecto dos resultados e cualificacións obtidos, contados a partir do día seguinte á súa publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal). Á vista das reclamacións que se presenten, e no caso de ser estimadas polo Tribunal, realizaranse as oportunas correccións nas puntuacións, publicándose a puntuación definitiva no taboleiro de anuncios e páxina web municipais.

Segundo exercicio.- Este exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para todas as persoas aspirantes que teñan superado os exercicios obrigatorios previos, consistirá en contestar por escrito, durante un período máximo de catro horas, a 4 temas elixidos ao chou, dos que figuran na parte especial incluída no anexo II de estas bases.

Dous destes temas deberán atoparse integrados no apartado 2.1 da parte especial do temario (“Dereito administrativo, facendas locais, dereito urbanístico e dereito civil, mercantil, laboral e penal”) e os outros dous temas deberán atoparse integrados no apartado 2.2 da parte especial do temario (“Dereito procesual”)

Esta proba deberá ser lida perante o tribunal, en sesión pública.

Os criterios esenciais de valoración desta proba son o nivel de coñecementos, a formación xeral, a claridade de ideas, así como o rigor e a precisión na exposición.

A proba cualificarase de 0 a 10 puntos, debéndose obter unha puntuación mínima de 5 puntos para superalo, correspondendo ao tribunal determinar cal é o nivel de coñecementos necesario para alcanzar dita nota mínima.

As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes serán as medias aritméticas das cualificacións outorgadas por cada membro do tribunal.

Terceiro exercicio, unicamente obrigatorio para as persoas aspirantes que non teñan acreditado estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias, do nivel de coñecemento de galego requirido na base terceira (CELGA 4, ou equivalente).

Este exercicio consistirá en traducir do castelán ao galego, nun tempo máximo de 30 minutos e sen axuda de dicionario, un texto facilitado polo Tribunal inmediatamente antes de celebrarse a proba; que resultará acorde ás características funcionais da vacante convocada, e na que se deberá demostrar unha competencia similar á esixida para obter o certificado de lingua galega requirido na convocatoria (CELGA 4). Correspondéndolle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixido para acadar o resultado de “apto/a”; quedando eliminados do proceso selectivo aqueles/as aspirantes que non acaden a dita cualificación.

Esta proba cualificará ás persoas aspirantes como APTA ou NON APTA.

As persoas que non obteñan a cualificación de aptas nesta proba específica ou que, alternativamente, non teñan acreditado posuír o CELGA 4 (ou equivalente), quedarán eliminadas do proceso selectivo.

Cuarto exercicio.- Este exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para todas as persoas aspirantes que teñan superado os exercicios obrigatorios previos, consistirá en desenvolver, nun tempo máximo de tres horas (180 minutos), dun ou varios supostos de tipo práctico, relacionados co contido funcional e tarefas propias da vacante convocada e que se corresponderá, a súa vez, coas materias comprendidas no programa específico do temario que figura no anexo II.

O contido da dita proba será determinado polo tribunal inmediatamente antes da realización do mesmo.

Esta proba deberá ser lida perante o tribunal, en sesión pública.

A proba cualificarase de 0 a 10 puntos, debéndose obter unha puntuación mínima de 5 puntos para superalo, correspondendo ao tribunal determinar cal é o nivel de coñecementos necesario para alcanzar dita nota mínima. En todo caso, o tribunal valorará a capacidade de análise e a aplicación razoada dos coñecementos teóricos á resolución dos problemas prácticos presentados.

Durante o desenvolvemento desta proba os aspirantes poderán, en todo momento, facer uso dos textos legais dos que acudan provistos; non se permite o manexo de textos comentados nin libros de formularios.

As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes serán as medias aritméticas das cualificacións outorgadas por cada membro do tribunal.

As puntuacións/cualificacións resultantes da corrección dos diferentes exercicios da fase de oposición faranse públicas no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal).

4. A puntuación final do proceso selectivo obterase sumando as puntuacións acadadas na fase de oposición na de concurso; suma final que só procederá nos casos dos/as aspirantes que teñan superado todos os exercicios/probas obrigatorios da fase de oposición.

Nos supostos de empate entre as puntuacións totais finais de dous ou máis aspirantes, este resolverase tendo en conta a maior puntuación obtida na fase de oposición. E de persistir o empate, este resolverase por sorteo, realizado ante o Tribunal e presenza de todas as persoas aspirantes que así o desexen.

OITAVA.- FINALIZACIÓN DO PROCESO SELECTIVO. NOMEAMENTO E TOMA DE POSESIÓN.

1. Finalizado o concurso-oposición, o Tribunal fará pública a relación de persoas aspirantes aprobadas (entendo por tales as que teñan superado todos exercicios/probas da fase de oposición que lle resulten obrigatorias), por orde de puntuación final, no Taboleiro de Anuncios do Concello e na páxina web municipal; e simultaneamente elevará a dita relación á Alcaldía, para que resolva o nomeamento da persoa que tivera acadado a maior puntuación (ou que, en caso de empate e trala aplicación do sistema de desempate sinalado na base anterior, resultara o primeiro), que será obxecto publicación no BOP e no DOG (así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal (https://cambados.sedelectronica.gal).

En todo caso, o Tribunal non poderá propoñer o nomeamento e acceso á condición de persoal funcionario de carreira dun número de aspirantes aprobados superior ao de prazas convocadas.

Non obstante o anterior, sempre que o Tribunal teña proposto o nomeamento de igual número de aspirantes que de prazas convocadas, na proposta tamén figurará unha relación complementaria, por orde descendente da puntuación acadada, daqueles aspirantes que aínda que non teñan sido propostos para o nomeamento tiveran superado todos exercicios e probas obrigatorias da fase de oposición. Esta relación/listaxe conformará, a súa vez, a bolsa de emprego que se creará coa finalidade e nos termos sinalados na base novena; e á que tamén se acudirá, segundo a orde/prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo, para os supostos de imposibilidade do nomeamento e/ou toma de posesión/incorporación do/a aspirante inicialmente seleccionado para a cobertura da vacantes convocada (xa sexa por renuncia ou ben polo incumprimento dos prazos, requisitos e/ou requirimentos documentais previstos ao efecto).

2. No prazo de vinte días naturais contados dende o seguinte a aquel no que se teña publicado a relación de aprobados/as, a persoas aspirante proposta para a súa selección e nomeamento deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello ou na forma establecida no artigo 16 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (coa excepción establecida na súa disposición final sétima), os seguintes documentos acreditativos das condicións de capacidade e demais requisitos esixidos na convocatoria:

a) Declaración responsable de non estar separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de funcionarios/as do que a persoa tivera sido separada ou inhabilitada.

b) Certificado médico oficial asinado por un colexiado en exercicio no que conste expresamente que se posúe a capacidade funcional (capacidades e aptitudes físicas e psíquicas) necesaria para o desempeño das funcións e tarefas da praza á que se accede.

c) Declaración responsable de non acharse incurso/a en causa algunha de incapacidade ou incompatibilidade de conformidade coa lexislación vixente e referida ao momento da súa toma de posesión.

d) Número de afiliación á seguridade social

e) Acreditación documental da conta bancaria na que se farían os seus ingresos nominais

Se no prazo e forma antes indicados (agás nos casos de forza maior debidamente motivados, que serán obxecto de apreciación e estimación discrecional e potestativa por parte da Alcaldía) a persoa proposta para a súa selección e nomeamento non presentaran a documentación requirida, ou da mesma se deducira que non reúnen os requisitos esixidos, non poderán ser nomeada e entenderase renuncia/desestimento dos seus dereitos inherentes; e isto sen prexuízo das responsabilidades nas que, de ser o caso, puideran incorrer por falsidade. E a Alcaldía proporá e resolverá, con arranxo á orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo, o nomeamento dun/dunha integrante da relación complementaria de aspirantes que tiveran superado todas os exercicios obrigados da fase de oposición (e que, segundo o exposto anteriormente, conformarían a bolsa de emprego derivada de cada convocatoria).

3. Cumpridos os requisitos precedentes, a Alcaldía resolverá o nomeamento da/o aspirante proposta/o, que deberá tomar posesión/incorporarse na data sinalada ao efecto e, en todo caso, no prazo máximo dun mes dende o día seguinte ao da publicación da dita resolución de nomeamento no BOP (resolución de nomeamento que tamén será obxecto de publicación no DOG, así como no taboleiro de anuncios e páxina web municipais); de tal xeito que a súa eficacia estará condicionada/supeditada á posterior e efectiva toma de posesión/incorporación, no prazo sinalado.

De non cumprir co dito prazo de toma de posesión/incorporación, sen existir causa xustificada (casos de forza maior, debidamente motivados, que serán obxecto de apreciación e estimación discrecional e potestativa por parte da Alcaldía), entenderase que renuncia/desiste dos seus dereitos inherentes, deixando sen efectos a resolución de nomeamento previa. E a Alcaldía proporá e resolverá, con arranxo á orde de prelación resultante da puntuación acadada no proceso selectivo, o nomeamento dun/dunha integrante da relación complementaria de aspirantes que tiveran superado todas os exercicios obrigados da fase de oposición (e que, segundo o exposto anteriormente, conformarían a bolsa de emprego derivada de cada convocatoria).

NOVENA.- BOLSA DE EMPREGO

Xunto coa resolución de nomeamento do/a aspirante finalmente seleccionado ao abeiro desta convocatoria, tamén se procederá á aprobación dunha bolsa de emprego temporal, conformada polos/as aspirantes finalmente non seleccionados, pero que tiveran superado todas as probas/exercicios obrigatorios da fase oposición, e configurada por orde descendente das puntuacións acadas no proceso selectivo (nos supostos de empate, aplicarase o criterio de desempate fixado na base sétima); e que terá por obxecto habilitar unha listaxe de aspirantes á que se acudirá, nos supostos legais procedentes e con arranxo ás modalidades correspondentes, para as futuras incorporacións e nomeamentos do persoal funcionario interino coa condición de letrado/a-asesor/a xurídico/a que, de ser o caso e previa xustificación da necesidade, poidan requirise no Concello de Cambados

A creación e entrada en vigor destas bolsas anulará calquera outra de obxecto e/ou características equivalentes que puidera existir no Concello, e terá unha vixencia de cinco anos (contados dende o día seguinte ao da publicación da resolución aprobatoria das bolsas). Non obstante, quedarán anuladas automaticamente, antes da finalización da dita vixencia, coa entrada en vigor efectiva doutra bolsa con obxecto e/ou características equivalentes; xa sexa por convocatoria específica ao efecto (por terse esgotado a aquí regulada, ou por calquera outra causa debidamente acreditada), ou ben porque se derive da convocatoria de novos procesos selectivos.

O funcionamento desta bolsa rexerase polas normas e criterios sinalados a continuación

Criterios de chamamento.-

1. Os chamamentos para a formalización dos nomeamentos realizaranse en base á orde de prelación vixente, en cada momento, entre os/as integrantes da bolsa de traballo.

Os chamamentos realizaranse por vía telefónica e correo electrónico, ao número e dirección de correo electrónico facilitados, polos integrantes da bolsa de traballo, no momento de terse presentado ao proceso selectivo para a súa creación; así, en aras a unha adecuada eficacia deste procedemento, os/as interesados/as deberán comunicar ao Concello, baixo a súa responsabilidade, calquera alteración destas datos de contacto, a efectos de chamamento, que se puidera ter producido.

Realizaranse un máximo de tres chamadas telefónicas, durante unha mesma xornada, a distinta horas e cun intervalo mínimo dunha hora. No caso de non terse producido resposta ás ditas chamadas, remitirase un correo electrónico final (dentro da mesma xornada). Tanto na chamada telefónica como no correo electrónico indicarase o tipo de interinidade proposto, a orde que ocupa o interesado (indicándose, se é o caso, que se está a expensas de que acepten os/as integrantes da lista anteriores e que tiveran sido chamados previamente), o prazo para a resposta e a data prevista para o inicio da relación de servizo. Darase un prazo máximo de 24 horas (contado dende a hora de contestación da chamada ou, de non producirse, dende a hora da última chamada sen resposta) para aceptar, ou non, a oferta realizada, e indicarase o número de teléfono e correo electrónico para poder contactar, a tales efectos, co Concello.

De non terse producido ningún tipo de resposta ao dito chamamento (no prazo máximo antedito), aplicaranse ao/á aspirante os mesmos efectos, en relación coa súa situación na bolsa de traballo, que os previstos para os supostos rexeitamento do chamamento sen alegación e acreditación de causa xustificada; e, polo tanto, nos termos do sinalado a continuación, implicará o seu pase ao último lugar da bolsa.

2. De terse respondido a dito chamamento, no prazo sinalado, procederase do seguinte xeito, segundo se teña producido á aceptación ou rexeitamento da oferta de nomeamento realizada:

a) No suposto de rexeitamento da oferta, o/a interesado/a deberá alegar algunha das causas/situacións xustificadas que continuación se relacionan (e cuxa acreditación documental deberá realizarse, posteriormente, no prazo máximo de 5 días hábiles dende dito rexeitamento), dando lugar a conservar a súa posición ordinal dentro da bolsa de traballo; de non ser así, sen ter alegado algunha destas causas (ou téndose alegado, sen acompañarse da posterior xustificación documental no prazo indicado), pasaría ao último lugar da bolsa. Ditas causas/situacións de rexeitamento xustificado serán as seguintes;

1. Concorrencia de parto, permiso por nacemento, adopción ou acollemento, permiso de paternidade, risco durante o embarazo, risco durante o período de lactación natural e/ou situacións asimilables.

2. Estar en situación de incapacidade temporal transitoria por continxencias comúns ou profesionais, acreditado co correspondente parte médico de baixa.

3. Estar en situación de servizo activo noutra Administración pública.

4. Estar nalgunha das situacións de servizos especiais incluídas no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia.

5. Ter vixente un contrato de traballo cunha empresa/entidade privada, ou exercer como autónomo.

6. Ter que coidar e/ou estar ao cargo dun familiar de ata segundo grao, cando este, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non puidera valerse por si mesmo e non desenvolva unha actividade retribuída; ou situacións asimilables enmarcadas dentro do exercicio da conciliación laboral e familiar.

b) No suposto de aceptación da oferta, o/a interesado/a deberá iniciar a relación de servizo, no prazo fixado ao efecto, previa resolución de nomeamento por parte da Alcaldía; debendo achegar, antes do nomeamento, declaración responsable (segundo modelo facilitado polo Concello) de que segue reunindo todos e cada un dos requisitos esixidos, e acreditados (segundo o fixado no apartado terceiro e cuarto da convocatoria e bases presentes), no momento de terse presentado ao proceso selectivo do que derivou creación da bolsa de traballo, así como de non estar incurso en causa de incompatibilidade de conformidade coas previsións normativas aplicables ao respecto (e ilo sen prexuízo da responsabilidade na que, no seu caso, e por falsidade na dita declaración, puidese incorrer).

3. A acumulación, por un mesmo integrante da bolsa de traballo, de dúas situacións de falta de resposta aos chamamentos e/ou rexeitamento inxustificado, dará lugar á súa baixa definitiva na mesma. Igualmente, tamén serán causas de baixa definitiva na bolsa de traballo as seguintes:

a)Renuncia voluntaria á permanencia na bolsa de traballo.

b)Non reunir os requisitos esixidos para o nomeamento (ou terse producido falsidade dos mesmos)

c)Non iniciar a relación de servizo no prazo e/ou datas establecidos ao efecto; agás causa xustificada e/ou de forza maior alegada ao efecto (e que deberá ser valorada e, de ser o caso, aceptada por parte do órgano convocante e responsable do nomeamento que, neste caso, será a Alcaldía)

d)A existencia de expediente disciplinario que conleve a separación do servizo, ou atoparse en situación de inhabilitación absoluta e/ou definitiva para o desempeño de empregos públicos.

e)Falecemento, incapacidade permanentemente ou cumprimento da idade ordinaria de xubilación fixada, de ser o caso, en cada momento

En todo caso, a dita baixa definitiva deberá ser acordada, mediante resolución debidamente motivada, por parte do órgano convocante e responsable do nomeamento que, neste caso, será a Alcaldía.

Dilixencia de chamamentos.-

Ao obxecto da súa adecuada xustificación, consulta e acreditación administrativa, o empregado público que se teña encargado dos chamamentos fará constar, mediante dilixencia emitida ao efecto (e que obrará no expediente correspondente), os trámites efectivamente realizados; debendo indicar, cando menos, os días e horas nos que se realizaran as chamadas e o envío de correos electrónicos, así como do remate do prazo para responder ao chamamento, e se o/a aspirante tivo respondido en prazo e aceptado, ou non, a oferta de nomeamento realizada (e sen prexuízo daqueloutras incidencias/circunstancias que, de ser o caso, se estime oportuno reflectir).

Fin da relación de emprego.

Ao cesar na relación de servizo o/a aspirante retornará á posición ordinal que, en cada momento, e en virtude da puntuación inicialmente acadada no proceso selectivo, lle corresponda dentro da bolsa de traballo.

Competencia para xestión da bolsa de traballo.

A responsabilidade administrativa e formal ao respecto da xestión das bolsas de traballo correspóndelle á Secretaría Municipal, sen prexuízo de que, aos efectos dos trámites operativos e ordinarios pertinentes, se habilite a outro servizo ou persoal municipal

DÉCIMA.- NORMAS FINAIS.

1. A persoa aspirante finalmente seleccionada e nomeada para a cobertura da vacante convocada quedará suxeita, dende o momento da súa toma de posesión, ao réxime legal de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas vixente e aplicable en cada momento.

2. Para todo o non previsto nestas presentes bases xerais, estarse ao marco normativo referido na base terceira; e o Tribunal estará facultado para resolver e/ou interpretar as dúbidas que se puideran presentar e tomar os acordos necesarios para a boa orde e adecuado desenvolvemento dos procesos selectivos, con pleno sometemento e adecuación ás previsións normativas aplicables, e con arranxo ao sentido e contido das propias bases

3. Todas as referencias á Alcaldía contidas nas presentes bases entenderanse realizadas ao órgano municipal que, en cada momento, e por previsión normativa ou delegación desta, asuma idénticas competencias.

4. De acordo co disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía de Dereitos Dixitais, os datos persoais facilitados incorporaranse e manteranse nun ficheiro titularidade do Concello, coa finalidade de poder atender a súa solicitude. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, podendo ser cedidos só nos casos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantías de dereito dixitais. Para exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, na medida en que a lei o permita, dos datos persoais, a persoa interesada deberá comunicalo por escrito ao Concello, achegando copia do documento que acredite a súa identidade.

DÉCIMO PRIMEIRA.- RÉXIME DE RECURSOS

A resolución aprobatoria desta convocatoria e bases reguladoras, e cantos actos administrativos se deriven delas, así como das actuacións do tribunal, poderán ser impugnados, polos interesados, tanto en vía administrativa como contenciosa, na forma e prazos establecidos pola Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou aqueloutra normativa concordante e/ou vixente ao respecto.

ANEXO I.- MODELO DE SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN

“Sra. Alcaldesa Concello de Cambados

D./D.ª _____________________________________________________________________________________, de _______________ anos, con DNI ______________________________ e domicilio en __________________________________________________________, n.º __________, piso ____ C.P. ________________, da localidade _______________________________________, con teléfono __________________________, e correo electrónico ________________________________________

EXPOÑO:

I. Que desexo participar na CONVOCATORIA E PROCESO SELECTIVO PARA A COBERTURA, EN QUENDA LIBRE E MEDIANTE PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA, DUNHA VACANTE DE LETRADO/A-ASESOR/A XURÍDICO/A INCLUÍDA NA OEP DO CONCELLO DE CAMBADOS DO ANO 2020

II. Que declaro, baixo a miña responsabilidade, reunir todos os requisitos esixidos para poder participar do antedito proceso selectivo (referidos á data de finalización do prazo sinalado para a presentación desta solicitude), segundo o previsto nas súas bases reguladoras, que coñezo e acepto; declarando, asemade, a veracidade do que aquí expoño, así como dos datos que figuran nesta instancia, comprométome a xustificalo documentalmente cando así sexa requirido, e nos termos do disposto nas propias bases reguladoras.

Polo exposto,

SOLICITO:

Ser admitido/a no dito proceso selectivo; achegando, para estes efectos, e con arranxo ao disposto na base cuarta das bases específicas reguladoras do mesmo, a seguinte documentación:

• Copia do DNI, pasaporte ou documento de identificación equivalente e acreditativo da miña identidade e nacionalidade

• Copia do título (ou certificado acreditativo equivalente) acreditativo/xustificativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitude, do título requirido para participar na convocatoria e proceso selectivo, segundo o disposto ao efecto no apartado d) da base terceira das presentes bases

• Copia de documento acreditativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, do requisito de habilitación para o exercicio da avogacía sinalado no apartado e) da base terceira das presentes bases

• Copia de documento acreditativo de estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, do CELGA 4 (ou equivalentes), segundo o disposto, ao efecto, no apartado g) da base terceira das presentes bases,

• Si ______

• Non ______

• Como aspirante coa condición legal de persoa con discapacidade achego certificación/documentación acreditativa de dita condición, e da súa compatibilidade coa funcións e tarefas propias da vacante convocada, nos termos do previsto, ao efecto, no apartado 2 da base cuarta das bases reguladoras.

• Si ______

• Non ______

E solicito adaptación/axustes para o desenvolvemento do proceso selectivo

• Si ______

(achego xunto con esta instancia necesidades específicas de adaptación/axustes solicitadas)

• ______

• Relación dos méritos alegados para a súa valoración na fase de concurso, segundo a orde fixada na base sétima, acompañada da documentacións acreditativa/xustificativa dos mesmos.

• Xustificante de ter aboado os dereitos de exame.

Cambados, a ………. de ………………………. de 202”

ANEXO II.- TEMARIO

1.PARTE XERAL

Tema 1.- A Constitución Española de 1978: Estrutura. Especial referencia aos dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Tema 2.- A Administración Pública na Constitución. A Administración Pública: concepto. A Administración Instrumental Os organismos públicos. Organismos autónomos e entidades públicas empresariais. Sociedades mercantís e fundacións públicas.

Tema 3.- O Estatuto de Autonomía de Galicia. Estrutura e contido. Especial referencia ao goberno da Comunidade Autónoma.

Tema 4 -O Dereito da Unión Europea. Tratados e dereito derivado. As directivas e os regulamentos da Unión Europea. As decisións, recomendacións e ditames. O dereito da Unión Europea e o dos países membros. Relacións coas Comunidades Autónomas e as entidades locais.

Tema 5.- Organización territorial do Estado na Constitución: Ideas xerais da administración central, autonómica e local.

Tema 6.- Réxime local español: clases de entidades locais.

Tema 7.- O municipio. Elementos: territorio e poboación. Organización municipal. Competencias dos municipios.

Tema 8.- A provincia. Organización provincial. Competencias das provincias.

Tema 9.- Outras entidades locais. Mancomunidades. Comarcas e outras entidades que agrupen varios municipios. As áreas metropolitanas.

Tema 10.- Réxime de sesións e acordos de órganos colexiados locais.

Tema 11.- A potestade regulamentaria das entidades locais: ordenanzas, regulamentos e bandos.

Tema 12.- A transparencia da actividade pública. Publicidade activa. O dereito de acceso á información pública. A protección dos datos de carácter persoal e a garantía dos dereitos dixitais.

Tema 13.- Réxime de suspensión e impugnación dos actos e acordos locais por outras administracións públicas.

Tema 14.- O proceso electoral. Proclamación de membros electos das corporacións locais.

Tema 15.- Moción de censura e cuestión de confianza no ámbito local.

Tema 16.- Dereito administrativo: disposicións xerais na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Disposicións xerais, principios de actuación e funcionamento do sector público, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Tema 17.- O emprego público: Clases e características dos empregados públicos. Dereitos e deberes. Dereitos de natureza individual e colectiva. Criterios xerais do Acceso ao emprego Público.

Tema 18.- O persoal ao servizo da administración local: Clases. Funcionarios propios das entidades locais. Réxime legal aplicable. Tipoloxía. Clasificación en escalas, subescalas e clases. A función pública local: dereitos e deberes. Situacións administrativas. Réxime de incompatibilidades. Responsabilidade e réxime disciplinario. Extinción da relación funcionarial. O persoal laboral ao servizo das entidades locais: Réxime legal aplicable. Tipoloxía, clasificación profesional. Réxime retributivo. Particularidades

2. PARTE ESPECIAL

2.1.- Dereito administrativo, facendas locais, dereito urbanístico e dereito civil, mercantil, laboral e penal

Tema 19.- Os conceptos de Administración Pública e dereito administrativo. A submisión da Administración ao dereito. O principio de legalidade. Fontes do Dereito Administrativo. Xerarquía normativa. Fontes subsidiarias e indirectas do Dereito Administrativo.

Tema 20.- O acto administrativo: Concepto, caracteres e clasificación.

Tema 21.- Elementos do acto administrativo: Suxeito, obxecto, fin e forma. A motivación e notificación dos actos administrativos. O silencio administrativo.

Tema 22.- A eficacia dos actos administrativos: o principio de autotutela declarativa. Condicións. A aprobación por outra administración. A demora e retroactividade da eficacia. A notificación: contido, prazo e práctica en papel e a través de medios electrónicos. A notificación infrutuosa. A publicación.

Tema 23.- A invalidez do acto administrativo. Supostos de nulidade de pleno dereito e anulabilidade. O principio de conservación do acto administrativo. A revisión de actos e disposicións pola propia Administración: supostos. A acción de nulidade, procedemento, límites. A declaración de lesividade. A revogación de actos. A rectificación de erros materiais ou de feito.

Tema 24.- Os interesados no procedemento administrativo. Dereitos dos cidadáns; en particular, o acceso aos rexistros e arquivos. Termos e prazos. Os informes no procedemento administrativo.

Tema 25.- O procedemento administrativo: Concepto e clases. Regulación legal: Ámbito de aplicación da Lei 39/2015. Os principios xerais do procedemento administrativo.

Tema 26.- Iniciación, ordenación e instrución do procedemento: a proba. Participación dos interesados. Terminación: a resolución. Terminación convencional. Outros modos de terminación. Desestimento, renuncia e caducidade.

Tema 27.- A execución dos actos administrativos. Fundamento e natureza. A execución forzosa pola Administración dos actos administrativos. Medios de execución forzosa.

Tema 28.- A potestade sancionadora: concepto e significado. Principios do exercicio da potestade sancionadora. O procedemento sancionador e as súas garantías. Medidas sancionadoras administrativas. Especial referencia á potestade sancionadora local.

Tema 29.- As formas de acción administrativa das entidades locais. A intervención administrativa local na actividade privada. As autorizacións administrativas. As súas clases. O réxime das licenzas. A comunicación previa e a declaración responsable. A actividade de fomento das entidades locais.

Tema 30.- A iniciativa económica das Entidades locais e a reserva de servizos en favor das Entidades locais. O servizo público nas entidades locais. Concepto. As formas de xestión dos servizos públicos locais.

Tema 31.- Recursos administrativos: principios xerais. Actos susceptibles de recurso administrativo. Regras xerais de tramitación dos recursos administrativos. Clases de recursos. Procedementos substitutivos dos recursos administrativos: conciliación, mediación e arbitraxe .

Tema 32.- A responsabilidade patrimonial da administración das administracións públicas. Regulación actual.

Tema 33.- As competencias municipais en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. A regulación municipal de usos das vías urbanas. O procedemento sancionador en materia de tráfico.

Tema 34.- A expropiación forzosa. Lexislación vixente. Suxeitos e obxecto da expropiación. Procedemento xeral. Peculiaridades do procedemento de urxencia.

Tema 35.- Os contratos administrativos I. Configuración xeral: clases, duración, pactos, forma, validez, nulidade, partes, obxecto, revisión de prezos, garantías, modificación.

Tema 36.- Os contratos administrativos II: preparación, adxudicación, efectos, cumprimento e extinción.

Tema 37.- O patrimonio das administracións públicas. As propiedades públicas: tipoloxía. O dominio público, concepto, natureza e elementos. Afectación e mutacións demaniais. Réxime xurídico do dominio público. Réxime das autorizacións e concesións demanais.

Tema 38.- Principios do ordenamento tributario español. Potestade tributaria orixinaria e derivada. A relación xurídico-tributaria. O feito impoñible e a base liquidable. Cota e débeda tributaria. Extinción da obriga tributaria. Os dereitos dos contribuíntes. O sistema tributario español.

Tema 39.- O orzamento das entidades locais: concepto e contido. Especial referencia ás bases de execución do orzamento. A elaboración e aprobación do orzamento xeral. A prórroga do orzamento.

Tema 40- Os tributos locais: principios. A potestade regulamentaria das entidades locais en materia tributaria: contido das ordenanzas fiscais, tramitación e réxime de impugnación dos actos de imposición e ordenación de tributos. O establecemento de recursos non tributarios.

Tema 41.- Imposto sobre bens inmobles. Natureza. Feito impoñíbel. Suxeito pasivo. Exencións e bonificacións. Base impoñíbel. Base liquidábel. Cota. Devengo e período impositivo. Xestión catastral. Xestión tributaria. Inspección catastral.

Tema 42.- O Imposto sobre actividades económicas. Natureza. Feito impoñíbel. Suxeito pasivo. Exencións. Cota: as tarifas. Devengo e período impositivo. Xestión censual. Xestión tributaria. Inspección censual.

Tema 43.- Imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Natureza e feito impoñíbel. Suxeito pasivo. Base impoñíbel. Cota e devengo. Xestión.

Tema 44.- O Imposto sobre construcións, instalacións e obras. O Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, con especial referencia a doutrina xurisprudencial sobre este tributo.

Tema 45.- Lexislación estatal do solo: Disposicións xerais. Bases do réxime do solo. As situacións básicas do solo e as clasificacións urbanísticas. As valoracións urbanísticas segundo o Real decreto lexislativo 7/2015, polo que se aproba o Texto refundido da lei do solo e rehabilitación urbana e o Real decreto 1492/2011, polo que se aproba o Regulamento de valoracións da lei do solo.

Tema 46.- A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia: obxectivos e principios xerais. Clases e categorías de solo. Aspectos da función urbanística. O Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

Tema 47.- Réxime urbanístico da propiedade do solo: principios xerais. Clasificación. Réxime xurídico do solo rústico. Réxime xurídico do solo urbano. Réxime xurídico do solo urbanizable. Réxime xurídico do solo de núcleo rural.

Tema 48.- O plan urbanístico I: instrumentos de ordenación.

Tema 49.- O plan urbanístico II: elaboración e aprobación dos instrumentos de ordenación.

Tema 50.- A execución do plan I: áreas de repartición, aproveitamento tipo e equidistribución.

Tema 51.- A execución do plan II: sistemas de actuación.

Tema 52.- A intervención na edificación e uso do solo. Licenzas urbanísticas e comunicacións previas. Procedemento de outorgamento de licenzas. Caducidade, revisión e nulidade. Procedemento de tramitación das comunicacións previas de obras. Control posterior. Declaración de ineficacia

Tema 53.- O réxime da intervención administrativa de actividades económicas e apertura de establecementos en Galicia: A Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos aprobado polo Decreto 144/2016. A Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia e as peculiaridades do réxime de intervención administrativa dos espectáculos públicos e actividades recreativas. Licenzas, comunicacións previas e declaracións responsábeis. Avaliación ambiental de actividades.

Tema 54.- A protección da legalidade urbanística: obras e usos sen licenza ou comunicación previa en curso de execución, obras rematadas sen título habilitante ou sen axustarse ao título. Outros actos sen licenza ou sen comunicación previa. Particularidades da protección da legalidade en solo rústico e en zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos públicos. Suspensión e revisión de títulos administrativos habilitantes. Infraccións e sancións urbanísticas.

Tema 55.- O dereito civil español. Dereito común e dereitos civís especiais. O Código civil. O dereito civil de Galicia.

Tema 56.-. A relación xurídica. Suxeitos da relación: persoas e clases de persoas. Capacidade xurídica e capacidade de obrar. O obxecto da relación. Feitos, actos e negocios xurídicos. A interpretación dos negocios. A ineficacia do negocio xurídico. A influencia do tempo sobre os actos e negocios xurídicos: caducidade e prescrición, con especial referencia á prescrición regulada no título XVIII do libro cuarto do Código Civil.

Tema 57.-. Os dereitos reais. Concepto, natureza e clases. Constitución e adquisición de dereitos reais. O Rexistro da Propiedade.

Tema 58.-. O dereito real de propiedade. Modos de adquirir a propiedade. A posesión. Dereitos reais de goce e dereitos reais de garantía.

Tema 59.- A obriga. Fontes das obrigas. Elementos e clases. O cumprimento e as garantías. Modificación e extinción da relación obrigatoria. O contrato. Concepto, elementos e requisitos. Vicios dos contratos. A validación e a rescisión.

Tema 60.-. Clases de contratos. En especial, os contratos translativos de dominio e os contratos de uso e aproveitamento.

Tema 61.- A responsabilidade civil. Clases e requisitos. A acción de responsabilidade.

Tema 62.-. A lexislación mercantil. A empresa mercantil. O patrimonio da empresa e a súa protección xurídica. O comerciante individual. Concepto, capacidade, incapacidade e prohibicións. As sociedades mercantís en xeral.

Tema 63.-. O dereito do traballo. Natureza e caracteres. Fontes do ordenamento laboral: principios constitucionais, normativa internacional e interna. O contrato de traballo. Concepto, clases e modalidades. Modificación, suspensión e extinción da relación laboral. Dereitos e deberes de traballadores e empresarios.

Tema 64.-. Os convenios colectivos. O dereito de folga e o seu exercicio. A adopción de medidas de conflito colectivo. A representación dos traballadores na empresa.

Tema 65.-. Delitos contra a Administración Pública. A prevaricación dos funcionarios públicos e outros comportamentos inxustos. O cohecho. Tráfico de influencias. Malversación. Fraude e exacción ilegal. Negociacións prohibidas a funcionarios e abusos no exercicio da función.

2.2.- Dereito procesual.

Tema 66.- O proceso civil. A Lei de Axuízamento Civil.

Tema 67.- A xurisdición civil. Competencia: regras para determinala. Foro territorial das Administracións Públicas.

Tema 68.- As partes no proceso civil: capacidade e lexitimación. Representación e defensa técnica. Pluralidade. Litisconsorcio.

Tema 69.- Pluralidade de pretensións: Acumulación de accións e acumulación de procesos. Ampliación da demanda.

Tema 70.- Clases de procesos declarativos. Actos preparatorios dos xuízos. Dilixencias preliminares.

Tema 71.- Os medios de proba: documental; dictame de peritos; recoñecemento xudicial; interrogatorio de partes; interrogatorio de testemuñas; outros medios de proba.

Tema 72.- O xuízo ordinario: a demanda; a contestación á demanda; a reconvención; a audiencia previa; o xuízo.

Tema 73.- O xuízo verbal: a demanda; a vista; a sentenza.

Tema 74.- O proceso penal I. Denuncias e querellas. As dilixencias previas. O procedemento abreviado. O sumario ordinario. O xuízo oral. O procedemento para o axuizamento rápido de determinados delitos.O Tribunal do Xurado. Finalización e recursos contra as resolucións interlocutorias e definitivas.

Tema 75.- O proceso penal II. Bases constitucionais do proceso penal. Dereito á tutela xudicial efectiva. Dereito ó xuíz ordinario predeterminado. Garantías do imputado (presunción de inocencia, principio acusatorio, dereito á defensa). Dereito á proba. Dereito a un proceso público. Dereito a un proceso sen dilacións indebidas. Prisión provisional. Medidas cautelares persoais e patrimoniais.

Tema 76.- O proceso ordinario social. Natureza e principios. A súa tramitación: demanda, alegacións, proba, sentenza. Os recursos. A Lei de Procedemento Laboral.

Tema 77.- O proceso contencioso-administrativo. A Lei 29/98, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Natureza, extensión e límites desta orde xurisdicional.

Tema 78.- Os órganos da orde xurisdicional contencioso-administrativa. Regras de competencia.

Tema 79.- As partes no proceso contencioso-administrativo: capacidade e lexitimación; representación e defensa.

Tema 80.- Obxecto do recurso contencioso-administrativo: actividade administrativa impugnable. Pretensións das partes. Acumulación. Contía do recurso.

Tema 81.- Cómputo dos prazos. Medidas cautelares.

Tema 82.- O procedemento ordinario: dilixencias preliminares; interposición do recurso; emprazamento e constitución en parte.

Tema 83.- O procedemento ordinario: demanda; alegacións previas; contestación.

Tema 84.- O procedemento ordinario: as probas (recibimento a proba, proposición e práctica); vista e conclusións.

Tema 85.- O procedemento ordinario: a sentenza; outros modos de terminación do procedemento.

Tema 86.- O procedemento abreviado. Supostos en que procede e tramitación.

Tema 87.- Procedementos especiais: o procedemento para a protección dos dereitos fundamentais da persoa; a cuestión de ilegalidade; o procedemento nos casos de suspensión administrativa previa de acordos.

Tema 88.- Execución de sentenzas. Resolucións executables, modalidades de execución e incidentes de execución e inexecución.

Tema 89.- Recursos: Cuestións xerais. Recursos contra providencias e autos: súplica, apelación, casación e queixa.

Tema 90.- Recursos contra as sentenzas: apelación; casación; casación para a unificación de doutrina; casación en interese de lei; revisión.

RECURSOS PROCEDENTES.- Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse RECURSO POTESTATIVO DE REPOSICIÓN ante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes a contar dende o día seguinte ó da súa publicación, ó abeiro do establecido no artigo 124.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Adminstrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ó da súa publicación, consonte ó disposto nos artigos 8-1 e 46-1 da Lei 29/1998, de 13 de xuño da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

No caso de interpoñerse o recurso potestativo de reposición, deberase resolver e notificar no prazo dun mes segundo establece o artigo 124-2 da devandita Lei 39/2015, entendéndose desestimado o recurso de reposición polo transcurso de dito prazo sen resolución expresa notificada, podendo entón os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo, consonte ao establecido no artigo 46-1) e 4) da Lei 29/1998, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

Non obstante, tamén poderase interpoñer calquera outro recurso que os interesados estimen procedentes conforme a Dereito.

DOCUMENTO ASINADO E DATADO ELECTRÓNICAMENTE