PORTAL DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • Home
  • /
  • MARZO 2021 – ANUNCIO do 17 de febreiro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia (GA/19/096.09.1).

MARZO 2021 – ANUNCIO do 17 de febreiro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia (GA/19/096.09.1).

Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 16 de febreiro de 2021 aprobouse provisionalmente o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia (GA/19/096.09.1).

O artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar, inventariar, clasificar e, se for o caso, categorizar funcionalmente as estradas das redes de cada Administración titular.

O Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia contén a clasificación técnica das estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia, a súa identificación e denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que a constitúen e a súa respectiva lonxitude, así como a súa representación gráfica.

O catálogo categoriza funcionalmente as estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia en rede estruturante, rede complementaria e rede local.

Por todo isto, sométese ao trámite de información pública o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia (GA/19/096.09.1).

A duración da información pública será de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, período en que o Catálogo poderá ser examinado polas persoas físicas ou xurídicas que o desexen, co obxecto de formularen as correspondentes alegacións ou suxestións que consideren oportunas.

A exposición ao público, para os efectos do presente anuncio, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de A Coruña (Rúa Vicente Ferrer, 2 , 15008 A Coruña), no Servizo de Infraestruturas de Lugo (Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo), no Servizo de Infraestruturas de Ourense (Rúa Sáenz Díez, 1, 32071 Ourense), no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (Avda. Mª Victoria Moreno, 43, 1º, 36071 Pontevedra) e nas respectivas casas dos concellos afectados. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas) atópase á disposición dos interesados o documento completo do Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021