PORTAL DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • Home
  • /
  • NOVEMBRO 2020 – REMATE DAS OBRAS DE DOTACIÓN DE GAVIÓNS A ILLA DE SAN SADURNIÑO.

NOVEMBRO 2020 – REMATE DAS OBRAS DE DOTACIÓN DE GAVIÓNS A ILLA DE SAN SADURNIÑO.

No día de hoxe veñen de recibirse ás obras de “DOTACIÓN DE GAVIÓNS A ILLA DE SAN SADURNIÑO”, adxudicadas á empresa COVSA, ascendendo o total importe do contrato á cantidade de 8.483,36 € (Ive engadido). As obras financiáronse con cargo a fondos municipais.

A realización das obras xustifícase, tal e como se indica no proxecto redactado ao efecto, porque durante os temporais acaecidos no inverno do ano 2013-2014, gran parte do litoral galego veuse azoado pola forte oleaxe producida pola preamar. Os efectos deste temporal deixáronse ver na Illa de San Sadurniño de forma máis acusada no lado nordés do illote. Esta franxa da illa é a que se atopa a unha cota máis baixa, e a que pecha ao leste a estreita canle de auga que media entre a Illa eo barrio de San Tomé, unidos na actualidade por unha pasarela de perpiaños de pedra.

Este temporal provocou a erosión desta zona nordés do litoral da illa provocando unha retracción do seu perfil, o que deixou á vista diferentes estruturas arqueolóxicas e provocou a dispersión de materiais ergolóxicos pola plataforma costeira rochosa. A zona afectada suma unha superficie de 22 metros que arrancan dende a zona de unión coa pasarela.

Sobre esta área do perfil xa se tivera actuado con anterioridade, concretamente en 5 ocasións, a derradeira en 2007. Na actualidade son visibles os restos destas estruturas de contención instaladas, concretamente é posible ver os restos dun pequeno murete de cachotería a seco do que tan só se conservan as fiadas de arranque recubertas por unha malla metálica e tras este, area de río e xeotestil.

Debido a ineficacia deste tipo de estrutura de protección instalada anteriormente, o Concello de Cambados, na súa calidade de promotor, propón a instalación dun novo sistema de contención, concretamente un gavión, coa finalidade de melloralas propiedades mecánicas de contención do oleaxe en caso de repetirse fenómenos similares aos acontecidos no inverno do ano 2013-2014.

Ao posuír a Torre e Illa de San Sadurniño dun nivel de protección integral (A1), as accións que sexan precisas levar a cabo para a instalación deste gavión, deberán de estar suxeitas a supervisión arqueolóxica, en previsión de que durante o proceso se leven a cabo remocións de terras que permitan levar a cabo a documentación dos restos estruturais que quedaron pendurados do perfil erosionado.

O que se fai público en cumprimento do disposto no artigo 8.1. a) da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno.