PORTAL DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • Home
  • /
  • DECEMBRO 2018 -CONVOCATORIA E BASES DUNHA BOLSA DE EMPREGO PARA PROVISIÓN DE TRABALLADOR/A SOCIAL

DECEMBRO 2018 -CONVOCATORIA E BASES DUNHA BOLSA DE EMPREGO PARA PROVISIÓN DE TRABALLADOR/A SOCIAL

ANUNCIO CONVOCATORIA E BASES DE SELECCIÓN

BASES REGULADORAS DO PROCESO SELECTIVO PARA A CONFIGURACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO PARA A PROVISIÓN INTERINA DE PRAZAS DE TRABALLADOR/A SOCIAL

Artigo 1.—Obxecto da convocatoria

Será a formación dunha bolsa de emprego para a provisión interina de prazas de traballador/a social, integradas no grupo A, subgrupo A-2, da escala de administración especial, subescala técnica, clase técnicos medios.

Artigo 2.—Natureza das relacións coa administración municipal

O persoal da bolsa poderá ser nomeado funcionario interino para o desempeño de funcións propias de funcionarios de carreira nos supostos de que existan prazas vacantes e non sexa posible a súa cobertura por funcionarios de carreira, sexa necesaria a substitución transitoria dos titulares, para a execución de programas de carácter temporal ou cando o exceso ou acumulación de tarefas así o esixan.

Dito persoal cesará cando a praza sexa cuberta en propiedade, cando desaparezan as circunstancias que motivaron o seu nomeamento ou á finalización do proceso selectivo que se convoque para prover prazas de forma definitiva correspondentes a categoría das prazas obxecto desta bolsa.

A bolsa que se confeccione estará en vigor ata que se realice un novo proceso selectivo, coa finalidade de prover en propiedade os postos correspondentes ás categorías das que se trate e, en todo caso, por un prazo máximo de 3 anos.

Artigo 3.—Retribucións

As retribucións básicas serán as correspondentes aos funcionarios do grupo A, subgrupo A-2, e as complementarias as que teña asignadas o posto de traballo para o que se lle adscriba na Relación de Postos de Traballo ou, no caso de que non exista posto de traballo na Relación de Postos de Traballo, as que se fixen no acordo de nomeamento que serán conformes a un posto equivalente na Relación de Postos de Traballo.

Artigo 4.—Requisitos xerais que deben acreditar os aspirantes
a ser incluídos na bolsa de emprego

Os aspirantes a ser incluídos na respectiva bolsa de emprego, deberán reunir, na data do remate do prazo para a presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación.

c) Estar en posesión do título de diplomado/a ou graduado/a en traballo social ou titulación equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data de terminación do prazo de presentación de instancias.

d) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas asinadas ao posto.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares as que desempeñaban no caso do persoal laboral, no que se houbese separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin haberse sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

f) Non estar incurso en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade sinaladas na lexislación vixente.

g) Estar en posesión do permiso de conducir da clase B.

Todos estes requisitos deberán cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes. Será nulo o nomeamento como funcionario interino dos que estean incursos en causas de incapacidade específica conforme a normativa vixente.

Artigo 5.—Proceso de selección

O sistema selectivo utilizado será o concurso-oposición libre, que se desenvolverá nas seguintes fases:

5.1.— FASE DE OPOSICIÓN

Consistirá na realización dos seguintes exercicios:

A) Primeiro exercicio, obrigatorio e eliminatorio, que consistirá en contestar por escrito un cuestionario, tipo test, de 50 preguntas con respostas alternativas baseadas no contido do programa anexo á convocatoria durante un período de 40 minutos e determinado polo tribunal inmediatamente antes do inicio deste exercicio. Neste exercicio cada resposta incorrecta penalizará a metade da puntuación de cada pregunta acertada, non puntuándose as non contestadas.

Cualificarase entre cero (0) e dez (10) puntos, sendo necesario obter un mínimo de cinco (5) puntos para superar o exercicio.

B) Segundo exercicio. Coñecemento do idioma galego.

A proba consistirá nunha tradución en ambos os dous sentidos. A cualificación será de apto/non apto.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Quedará exceptuado/a desta proba quen acredite estar en posesión do CELGA 4.

5.2.—FASE DE CONCURSO

Rematada a fase de oposición realizarase a fase de concurso. O tribunal reunirase para valorar os méritos achegados unicamente por aqueles aspirantes que superaran a fase de oposición.

Esta fase en ningún caso terá carácter eliminatorio.

Os aspirantes deberán presentar copia simple da documentación acreditativa dos méritos alegados.

Todos os méritos alegados deberán de posuírse no momento de terminación do prazo de presentación de instancias.

A lista que conteña a valoración dos méritos farase pública no Taboleiro de anuncios do Concello de Cambados, e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de Cambados (www.cambados.es), unha vez celebrada a sesión de valoración polo Tribunal.

Serán méritos a valorar nesta fase:

A) Formación académica

Valoraranse outras titulacións académicas distintas da esixida como requisito para ser incluído na bolsa de emprego, segundo o seguinte baremo:

a) Titulación de doutor: 1 punto.

b) Titulación universitaria superior: 0,5 puntos.

A cualificación máxima por este apartado non poderá ser superior a 1 punto, e non se terán en conta aquelas titulacións que foran requisito para acceder á titulación superior.

B) Formación profesional

Só se valorarán os cursos de formación e perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias do posto de traballo ao que se aspira, incluídos os cursos de coñecemento do idioma galego, sempre que os cursos foran impartidos por unha Administración Pública, un Centro Oficial de Formación ou unha institución homologada para impartir formación profesional continua, e segundo o establecido no seguinte baremo:

a) Por cada curso con duración igual ou superior a 300 horas lectivas: 0,4 puntos.

b) Por cada curso con duración igual ou superior a 150 horas lectivas: 0,3 puntos.

c) Por cada curso con duración igual ou superior a 50 horas lectivas: 0,2 puntos.

d) Por cada curso con duración igual ou superior a 20 horas lectivas: 0,1 puntos.

As puntuacións asignadas incrementaranse nun 50% cando se acredite a superación docurso ou a asistencia ao mesmo con aproveitamento.

A puntuación máxima por este apartado non poderá superar 1 punto.

Os cursos que non especifiquen o número de horas ou a equivalencia entre o número de créditos e número de horas non se poderán valorar.

C) Experiencia profesional

Os servizos prestados acreditaranse mediante fotocopia simple do certificado do órgano de xestión de persoal da administración pública competente e certificación da vida laboral expedida pola Tesourería da Seguridade Social, en todo caso con especificación de categoría laboral. A experiencia laboral puntuarase segundo o seguinte baremo:

— Por cada mes completo de servizos prestados nos servizos sociais comunitarios municipais en prazas da mesma categoría ao solicitado e integrado no mesmo grupo de titulación (prazas de traballador social integradas no grupo A, subgrupo A-2): 0,25 puntos.

— Por cada mes completo de servizos prestados noutras administracións públicas en prazas da mesma categoría ao solicitado e integrado no mesmo grupo de titulación (prazas de traballador social integradas no grupo A, subgrupo A-2): 0,10 puntos.

A puntuación máxima por experiencia profesional non poderá superar os 3 puntos.

Artigo 6.—Solicitudes

As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas convocadas deberán facelo mediante instancia dirixida á Sra. Alcaldesa de Cambados. A instancia deberá de conter, polo menos, os datos persoais do solicitante co seu enderezo, a denominación da praza, achegando fotocopia do DNI así como o currículum vitae e copia simple da documentación acreditativa dos méritos alegados.

Os aspirantes que desexen que se lles teña en conta a non obrigatoriedade da proba de galego deberán achegar a acreditación do nivel Celga IV, xunto coa solicitude de participación.

Os méritos non alegados ou alegados e non xustificados na documentación que se achega á instancia solicitando tomar parte no concurso-oposición non serán tidos en conta.

Aqueles aspirantes que estean en situación de minusvalía e soliciten adaptación de tempo e medios para a realización das probas da fase de oposición, deberán achegar xunto coa documentación mencionada, a seguinte:

a) Solicitalo de modo expreso na súa instancia, concretando as adaptacións concretas que pretende.

b) Achegar fotocopia simple de ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grado de minusvalía competente, acreditando de forma fidedigna as deficiencias permanentes que deron orixe ao grado de minusvalía recoñecido, a efectos de que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas. Só se poderá solicitar e outorgar esta adaptación se o aspirante presenta especiais dificultades para a realización das probas de oposición e así se acredita co ditame técnico facultativo e estas adaptacións gardan relación directa coa proba a realizar.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria xunto coas presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. Os sucesivos anuncios en relación a este proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello de Cambados, e, de forma complementaria, na páxina Web do Concello de Cambados (www.cambados.es).

A presentación das solicitudes poderá facerse no rexistro xeral de documentos do Concello, ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (ou naqueloutras previsións normativas concordantes e/ou substitutivas deste artigo). Os aspirantes que non presenten as solicitudes directamente no rexistro xeral do Concello deberán comunicalo por telegrama, fax, ou outro medio no mesmo día da súa presentación.

Artigo 7.—Admisión de participantes

Rematado o prazo de presentación de instancias a Alcaldía ditará a Resolución pola que declarará aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do prazo de emenda que nos termos da Lei 39/2015 ( 5 días naturais), concédeselle aos aspirantes excluídos.

Posteriormente ditarase Resolución definitiva de admitidos e excluídos. Nesta determinarase a data de comezo do exercicio de oposición e a composición do Tribunal.

No caso de que non existan aspirantes excluídos/as, a lista de admitidos/as quedará aprobada definitivamente sen abrir o prazo de emendas/reclamacións.

Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Cambados e, de forma complementaria, na páxina Web do Concello de Cambados (www.cambados.es).

Artigo 8.—Composición do tribunal

O tribunal adecuarase, na súa composicón, aos criterios de imparcialidade e profesionalidade, así como aos restantes requisitos previstos, ao efecto, pola normativa de aplicación (nomeadamente, artigos 60 do TRLEBEP e 59 da LEPG); e estará conformado polos integrantes sinalados a continuación (co seus respectivos titulares e suplentes), e a súa composición nominativa concreta será fixada xunto coa resolución de aprobación da listaxe definitiva de admitidos/excluídos:

1 Presidente

3 Vogais

1 Secretario/a

O tribunal non poderá constituírse, nin actuar, sen a presenza, cando menos, de tres de seus membros, titulares ou suplentes, debendo estar presentes en todo caso o presidente/a e o/a secretario/a (ou suplentes). De tódalas reunións que celebre o tribunal o/a secretario/a redactará a correspondente acta.

Os membros do tribunal absteranse de intervir, e o comunicarán á autoridade convocante, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 de Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público. Os aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando concorran aquelas circunstancias.

O tribunal resolverá, por maioría de votos dos seus membros presentes, tódalas dúbidas e/ou cuestións que se susciten ao respecto da aplicación e/ou interpretación das normas contidas nestas bases, así como nos supostos non previstos nas mesmas (recabando, no seu caso, a emisión de informe e/ou opinión especializada por parte dos asesores que, ao efecto, poidan ter sido requiridos; previo acordo expreso e formal do tribunal).

Os membros do tribunal que actúen nestas probas selectivas terán dereito a percibir as indemnizacións correspondentes, conforme ó establecido no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, e lexislación complementaria.

Artigo 9.—Calendario das probas e desenvolvemento dos exercicios de oposición

A data, lugar e hora de celebración da primeira proba que conforma a fase de oposición serán publicadas, na resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos no taboleiro de anuncios do Concello de Cambados e, de forma complementaria, publicaranse na páxina Web do Concello (www.cambados.es)

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos das probas os que non comparezan. Deberán acreditar suficientemente a súa identidade mediante a exhibición do DNI, permiso de conducir, pasaporte o documento equivalente en caso de estranxeiros, exhibición que poderá serlle requirida por calquera membro do tribunal no curso do desenvolvemento dos exercicios.

Se en calquera momento do proceso selectivo chegara a coñecemento do tribunal que algún dos aspirantes non posúe a totalidade dos requisitos esixidos na respectiva convocatoria, logo da audiencia do interesado, o tribunal deberá propor a Alcaldesa a súa exclusión indicando as inexactitudes ou falsidades observadas para os efectos procedentes.

Concluído cada un dos exercicios da oposición correspondente, o tribunal fará pública, no taboleiro de anuncios do Concello de Cambados e, de forma complementaria, na páxina Web do Concello de Cambados (www.cambados.es ) a relación de aspirantes que o superaron con indicación da puntuación obtida. Publicarase así mesmo a lista dos aspirantes non aptos con idicación da puntuación obtida.

Se algún aspirante quere ter acceso ao seu expediente ou exercicios, deberá solicitalo por escrito e notificaráselle por escrito o día e hora en que poderá velo.

Artigo 10.—Cualificación definitiva

A cualificación final dos aspirantes virá determinado pola suma dos puntos obtidos na fase de oposición e concurso.

No caso de empate na puntuación total terase en conta, prioritariamente, a puntuación obtida na fase de oposición e, de non desfacerse así o empate, acudirase á puntuación acadada na fase de concurso. En caso de que persista o empate, atenderase á primeira letra do primeiro apelido seguindo a orde alfabética aprobada pola Xunta de Galicia que marca a orde de actuación dos aspirantes nos procesos selectivos para o ingreso na Administración Autonómica de Galicia que se deriven da oferta de emprego público correspondente ao ano en curso Nos apelidos compostos coa preposición de, da, de la, d’…a mesma non será tida en conta (por exemplo: Marta de Castro. A letra a ter en conta será a “C”). De persistir o empate, atenderase á segunda letra do primeiro apelido, seguindo a orde alfabética anterior, e así ata desfacer o empate; continuando polo segundo apelido e finalmente polo nome.

Finalizado o proceso selectivo os tribunais de selección adoptarán acordo propoñendo a relación de aspirantes que deberán integrar as bolsas de traballo correspondentes, ordenados de maior a menor puntuación obtida; e tendo en conta que non poderán formar parte das mesmas os que non teña superado os exercicios obrigarorios da fase de oposición. Dito acordo farase público no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello, sinalando as puntuacións correspondentes a cada aspirante e con indicación, asemade, dos recursos pertinentes.

A dita proposta dos tribunais elevarase á Alcaldía (ou órgano competente por delegación) para que, en base á mesma, e no exercicio das súas atribucións, resolva a aprobación das ditas bolsas de traballo; resolución que deberá facerse pública a través do taboleiro de edictos e da páxina web do Concello, con indicación dos recursos procedentes.

Artigo 11.— Xestión e funcionamento da bolsa de traballo

11.1.—Criterios de chamamento.

1. Os chamamentos para a incorporación do persoal interino pretendido realizaranse en base á orde de prelación vixente, en cada momento, entre os/as integrantes da bolsa de traballo.

En caso de oferta simultánea de varias incorporacións, estas ofreceranse en bloque, para a súa elección segundo a orde de prelación dos/as aspirantes.

Os chamamentos realizaranse por vía telefónica e correo electrónico, ao número e dirección de correo electrónico que deberán ser facilitados, polos integrantes da bolsa de traballo, no momento de terse presentado ao proceso selectivo para a súa creación; así, en aras a unha adecuada eficacia deste procedemento, os/as interesados/as deberán comunicar ao Concello, baixo a súa responsabilidade, calquera alteración destes datos de contacto, a efectos de chamamento, que se puidera ter producido.

Realizaranse un máximo de tres chamadas telefónicas, durante unha mesma xornada, a distinta horas e cun intervalo mínimo dunha hora. No caso de non terse producido resposta ás ditas chamadas, remitirase un correo electrónico final (dentro da mesma xornada). Tanto na chamada telefónica como no correo electrónico indicarase a tipoloxía/modalidade da incorporación/relación temporal ofertada, a orde que ocupa o interesado (indicándose, se é o caso, que se está a expensas de que acepten os/as integrantes da bolsa anteriores e que tiveran sido chamados previamente), o prazo maximo para a resposta e a data prevista para o inicio da relación de servizo. Darase un prazo máximo de 24 horas (contado dende a hora de contestación da chamada ou, de non producirse, dende a hora da última chamada sen resposta) para aceptar, ou non, a oferta realizada, e indicarase o número de teléfono e correo electrónico para poder contactar, a tales efectos, co Concello.

De non terse producido ningún tipo de resposta ao dito chamamento (no prazo máximo antedito), aplicaranse ao/á integrante os mesmos efectos, en relación coa súa situación na bolsa de traballo, que os previstos para os supostos de rexeitamento do chamamento sen alegación e acreditación de causa xustificada; e, polo tanto, nos termos do sinalado a continuación, implicará o seu pase ao último lugar da bolsa; e así, sucesivamente, para cada un dos integrantes que incorran en falta de resposta.

2. De terse respondido a dito chamamento, no prazo sinalado, procederase do seguinte xeito, segundo se teña producido á aceptación ou rexeitamento da oferta de contratación realizada:

A) No suposto de rexeitamento da oferta, o/a interesado/a deberá alegar algunha das causas/situacións xustificadas que continuación se relacionan (e cuxa acreditación documental deberá realizarse, posteriormente, no prazo máximo de 5 días hábiles dende dito rexeitamento), dando lugar a conservar a súa posición ordinal dentro da bolsa de traballo; de non ser así, sen ter alegado algunha destas causas (ou téndose alegado, sen acompañarse da posterior xustificación documental no prazo indicado), pasaría ao último lugar da bolsa. Ditas causas/situacións taxadas de rexeitamento xustificado serán as seguintes:

1) Concorrencia de parto, permiso por nacemento, adopción ou acollemento, permiso de paternidade, risco durante o embarazo, risco durante o período de lactación natural e/ou situacións asimilables.

2) Estar en situación de incapacidade temporal transitoria por continxencias comúns ou profesionais, acreditado co correspondente parte médico de baixa.

3) Estar en situación de servizo activo noutra Administración pública.

4) Estar nalgunha das situacións de servizos especiais incluídas no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia.

5) Ter vixente un contrato de traballo cunha empresa/entidade privada, ou exercer como autónomo.

6) Ter que coidar e/ou estar ao cargo dun familiar de ata segundo grao, cando este, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non puidera valerse por si mesmo e non desenvolva unha actividade retribuída; ou situacións asimilables enmarcadas dentro do exercicio da conciliación laboral e familiar.

B) No suposto de aceptación da oferta, procederá que por parte da Alcaldía (ou órgano competente por delegación), se resolva o nomeamento ou contratatación do/a integrante da bolsa chamado e que teña aceptado. Dita resolución indicará o prazo máximo ou data concreta previstos para o inicio da relación de servizo, e será notificada ao/á interesado/a, advertíndoselle que antes do dito inicio (ou no mesmo día, nos casos de chamamentos urxentes, nos que non exista un mínimo de dous días hábiles entre a aceptación e a incorporación prevista) deberá presentar asinada declaración responsable de que segue reunindo todos e cada un dos requisitos esixidos, e acreditados (segundo o fixado na convocatoria e bases reguladoras), no momento de terse presentado ao proceso selectivo para a creación da bolsa de traballo, así como de non estar incurso en causa de incompatibilidade de conformidade coas previsións normativas aplicables ao respecto (e ilo sen prexuízo da responsabilidade na que, no seu caso, e por falsidade na dita declaración, puidese incorrer). Se dentro do prazo indicado (agás nos casos de forza maior, debidamente motivados e que deberán ser apreciados e estimados, potestativamente, pola Alcaldía ou órgano competente por delegación) non se presentara a documentación requirida, ou da mesma se deducise que non se reunirían os requisitos esixidos, quedarán anuladas todas as actuacións previas e, polo tanto, sen efecto o nomeamento (sen prexuízo das responsabilidade en que, no seu caso, e por falsidade, se puidera incorrer); debendo propoñerse, polo órgano competente, o nomeamento daquel que ocupe a seguinte posición na bolsa de traballo, segundo a orde resultante trala creación da mesma. Asemade, de non procederse á efectiva incorporación, na data prevista, sen existir causa xustificada (agás nos casos de forza maior, debidamente motivados, e que deberán ser apreciados e estimados, potestativamente, pola Alcaldía ou órgano competente por delegación), entenderase que o/a interesado/a renuncia aos seus dereitos e quedarán anuladas todas as actuacións previas e, polo tanto, sen efecto o nomeamento (sen prexuízo das responsabilidade en que, no seu caso, e por falsidade, se puidera incorrer); debendo propoñerse, polo órgano competente, o nomeamento daquel que ocupe a seguinte posición na bolsa de traballo, segundo a orde resultante trala creación da mesma.

3. A acumulación, por un mesmo integrante da bolsa de traballo, de tres situacións de falta de resposta aos chamamentos e/ou rexeitamento inxustificado, dará lugar á súa baixa definitiva na mesma. Igualmente, tamén serán causas de baixa definitiva na bolsa de traballo as seguintes:

a) Renuncia voluntaria á permanencia na bolsa de traballo.

b) Non reunir os requisitos requiridos (ou terse producido falsidade na acreditación dos mesmos)

c) Non iniciar a relación de servizo no prazo e/ou datas establecidos ao efecto; agás causa xustificada e/ou de forza maior alegada ao efecto (e que deberá ser valorada e aceptada, potestativamente, por parte do órgano convocante e responsable do nomeamento).

d) A existencia de expediente disciplinario que conleve a separación do servizo, ou atoparse en situación de inhabilitación absoluta e/ou definitiva para o desempeño de empregos públicos.

e) Falecemento, incapacidade permanente ou cumprimento da idade ordinaria de xubilación fixada, de ser o caso, en cada momento

En todo caso, a dita baixa definitiva deberá ser acordada, mediante resolución debidamente motivada, por parte da Alcaldía ou órgano competente por delegación; e debarase garantir aos afectados o trámite de audiencia,

4. Situacións ordinarias nas que se poderán atopar os/as integrantes das bolsas de traballo:

1.—“Dispoñible”. Atoparse entre a listaxe de integrantes da bolsa de traballo á espera de ser chamado/a.

2.-”Traballando”. Atoparse traballando para o propio Concello de Cambados no ámbito de aplicación destas bases e como consecuencia de ter sido nomeado/a a través da bolsa de traballo.

Finalizada a vixencia do correspondente nomeamento, as persoas en activo ou “traballando” pasarán novamente á situación de “dispoñible”, mantendo a súa posición ordinal inicial na bolsa de orixe (sen prexuízo de que a bolsa puidese estar anulada pola creación dunha posterior).

No caso de que os/as empregados/as “traballando” se atopen incluídos como dispoñibles noutras bolsas de traballo do Concello, poderán aceptar ou rexeitar outra contratación ou nomeamento temporal que se lle ofreza. No caso de aceptar, isto suporá unha renuncia voluntaria na súa relación de emprego en vigor e pasarán como “dispoñibles” ao final da bolsa de traballo da que tivera derivado a contratación ou nomeamento ao que se renuncie. Idéntica actuación procederá no caso de renuncia voluntaria na relación de emprego en vigor (derivada dunha bolsa de traballo existente) por aceptar outro nomeamento ou contrato de traballo noutra Administración ou entidade privada, e sempre que non concorra un suposto de reserva de posto e/ou con garantía/posibilidade de reincorporación

3.—“Baixa definitiva”. Implica a exclusión definitiva da bolsa de traballo, e se derivará dos supostos/circunatancias sinalados no punto 3 do apartado anterior.

11.2.—Dilixencia de chamamentos.

Ao obxecto da súa adecuada xustificación, consulta e acreditación administrativa, o empregado/a público que se teña encargado dos chamamentos fará constar, mediante dilixencia emitida ao efecto (e que obrará no expediente correspondente), os trámites efectivamente realizados; con indicación cando menos, dos días e horas nos que se realizaran as chamadas e o envío de correos electrónicos, así como do remate do prazo para responder ao chamamento, e se o/a aspirante tivo respondido en prazo e aceptado, ou non, a oferta realizada (e sen prexuízo daqueloutras incidencias/circunstancias que, de ser o caso, se estime oportuno reflectir).

11.3.—Fin da relación de emprego e reingreso na bolsa

Ao producirse o cese na relación de servizo, como persoal temporal, regresarase á posición ordinal que, en cada momento, e en virtude da puntuación inicialmente acadada no proceso selectivo, corresponda dentro da bolsa de traballo.

11.4.—Competencia para a xestión ordinaria da bolsa de traballo.

A competencia para a xestión administrativa e ordinaria das bolsas de traballo correspóndelle ao servizo ou unidade administrativa que teña atribuída a xestión de persoal/rrhh; cuxo persoal asumirá os trámites operativos e materias pertinentes. E ilo sen prexuízo da atribucións resolutorias que, segundo o previsto nestas bases, así como na normativa de réxime local, lle correspondan á Alcaldía ou órgano competente por delegación..

Artigo 12.— Incidencias no proceso selectivo

En todo o non previsto nas presentes bases o tribunal quedará facultado para resolver e/ou interpretar as dúbidas que se poideran presentar, e adoptar os acordos necesarios para a boa orde e adecuado desenvolvemento dos procesos selectivos; e, todo ilo, con pleno sometemento ás previsións normativas aplicables ao respecto, e con arranxo ao sentido e contido das propias bases

Artigo 13.— Réxime de recursos

A resolución que aprobe as presentes bases e convocatoria do proceso selectivo, porá fin á vía administrativa, e contra a mesma poderase interpoñer, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación do seu anuncio no BOP , segundo o art. 46.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderase interpoñer tamén, previamente, recurso potestativo de reposición ante o Alcalde-Presidente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á dita publicación no BOP (artigos 123, 124, 30 e 31 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas). No caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo (artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas). Contra aqueloutros actos e/ou resolucións administrativos que se deriven destas bases e das actuacións do tribunal, poderán ser interpostos, polos interesados, os oportunos recursos, nos supostos e na forma establecidos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como na Lei 29/98, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO. PROGRAMA DE MATERIAS PARA A FASE DE OPOSICIÓN

A) TEMARIO XERAL

1. A Constitución Española de 1978: significado e estrutura. Principios xerais. Reforma da Constitución. Dereito e deberes fundamentais dos españois. Garantía e suspensión.

2. A organización do Estado español na Constitución. A Coroa. As Cortes Xerais. O Poder Xudicial. O Poder Executivo.

3. O Estado das autonomías. Modo de organización estatal na Constitución española.

Caracteres do dereito á autonomía. Competencias das comunidades autónomas. Contido e valor normativo dos estatutos de autonomía. O Estatuto de autonomía de Galicia. A cooficialidade lingüística.

4. O dereito administrativo e o seu concepto. As fontes do ordenamento xurídico. A Constitución. A lei. Disposicións normativas con rango de lei. Os regulamentos. O costume. Os principios xerais do dereito. A xurisprudencia.

5. O acto administrativo: concepto, elementos e clases. Invalidez dos actos administrativos: nulidade e anulabilidade. Os recursos administrativos. Revisión de oficio dos actos administrativos.

6. O procedemento administrativo. Fases do procedemento administrativo común. O deber de resolver e notificar. Os expedientes e o seu arquivo.

7. A Administración local: concepto e evolución. A Administración local na Constitución española. Regulación xurídica actual do réxime local. Entidades que comprende. O municipio e as súas competencias. Servizos mínimos obrigatorios.

8. O Goberno municipal. O Pleno da Corporación. O Alcalde. A Xunta de Goberno Local. As Comisións Informativas. Outros órganos complementarios. Os grupos políticos municipais. Réxime e funcionamento dos órganos colexiados locais.

9. O rexistro de documentos. Comunicacións e notificacións. A práctica das notificacións. O cidadán como cliente da Administración. O estatuto dos veciños. A atención ao público. A oficina de información e atención ao cidadán.

10. Dereito e deberes dos funcionarios locais. Retribucións e protección social dos funcionarios locais. Réxime disciplinario dos funcionarios locais. Situacións administrativas dos funcionarios.

11. Os regulamentos e ordenanzas locais. Clases. Procedemento de elaboración, aprobación e vixencia.

12. Os bens das entidades locais: clases e réxime xurídico. As Facendas locais. Clases de tributos locais. O orzamento xeral dos entes locais: estrutura, elaboración e aprobación.

B) TEMARIO ESPECÍFICO

13. Lei de servizos sociais de Galicia:estrutura e contido.

14. Os servizos sociais comunitarios: estrutura e contidos. Os servizos sociais comunitarios básicos e específicos: funcións e programas.

15. Plan Concertado. Fundamentos, obxectivos, programas e prestacións.

16. Os servizos sociais especializados. Definición, principios, obxectivos e competencias.

17. Fundamentos, principios e funcións básicas do traballo social. Código deontolóxico dos traballadores sociais.

18. Metodoloxía do traballo social. Modelos máis usados no traballo social. Modelo sistémico. A planificación e programación nos servizos sociais, técnicas aplicadas ao traballo social.

19. Os sistemas de información ao servizo da atención social. Novas tecnoloxías da información aplicadas ao traballo social. Protección de datos nos servizos sociais.

20. Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade entre homes e mulleres. Estrutura e contido. Contexto europeo nese eido.

21. A Lei de promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. Regulación do procedemento para o recoñecemento da dependencia e do dereito ás prestacións do sistema de dependencia e procedemento de elaboración do PIA da Comunidade Autónoma Galega.

22. O servizo de Axuda no Fogar. Normativa, coordinación e funcionamento a nivel autonómico e local. Regulamento do servizo de axuda no fogar do Concello de Cambados.

23. A familia e os menores: cambios na sociedade neste ámbito. Aspectos psicosociais da infancia. Menores en conflito social. Intervencións en situacións de desprotección infantil.

24. Programas e servizos para os menores e as familias a nivel autonómica e local.

25. Adolescencia e xuventude, aspectos psicolóxicos e sociais. Actuación do traballador social.

26. Normativa estatal, autonómica e local verbo da muller. Protocolo de actuación en situacións de violencia de xénero.

27. Minorías étnicas e integración. Aspectos sociodemográficos e culturais.

28. Modelo integrador no trato das Adiccións. Interdisciplinariedade no eido das drogodependencias. Concepto tipos e características. A figura do traballador social nos equipos .

29. Descripción do proceso terapéutico en drogodependencias. Fases do tratamento.

30. Discapacidade: conceptos básicos. Aspectos físicos, psíquicos e sociais e legais. Intervención social con persoas con discapacidade.

31. A saúde mental: aspectos sociais e legais para ter en conta na intervención social con persoas con problemas de saúde mental.

32. Poboación inmigrante: aspectos sociodemográficos dos movementos migratorios. Marco xurídico e distribución competencial interadministrativa.

33. . Ley 10/2013, de 27 de novembro de Inclusión social de Galicia.

34. Pobreza, desigualdade e exclusión social. Factores físicos, psicolóxicos e sociais. Programas de intervención social. Itinerarios de incorporación socio laboral. Empresas de inserción.

35. Intervención con persoas sen fogar: definición, principais características do transeuntismo. Factores físicos, psicolóxicos e sociais. Programas de intervención social.

36. Traballo social comunitario. Definición de comunidade e variables. Traballo con redes.

37. Traballo social de grupo: definición, obxectivos e finalidades do grupo. Criterios organizativos para os grupos. Procesos e fenómenos do grupo. Función do/a traballador/a social no grupo

38. A entrevista individual/familiar aplicada ao traballo social. A entrevista no contexto da atención social primaria e a atención social especializada.

Contra o precedente acordo, que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación do seu anuncio no BOP , segundo o art. 46.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderase interpoñer tamén, previamente, recurso potestativo de reposición ante o Alcalde-Presidente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á dita publicación no BOP (artigos 123, 124, 30 e 31 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas). No caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo (artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas). Contra aqueloutros actos e/ou resolucións administrativos que se deriven destas bases e das actuacións do tribunal, poderán ser interpostos, polos interesados, os oportunos recursos, nos supostos e na forma establecidos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como na Lei 29/98, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

DOCUMENTO ASINADO ELECTRONICAMENTE